A nova tableta Samsung Galaxy Tab S6 aposta pola produtividade e a creatividade

mércores, 31 de xullo do 2019 Marcus Fernández

A vindeira semana Samsung presentará o seu novo Galaxy Note10, pero non quixo esperar até tal data para dar a coñecer a súa nova tableta de alta gama, a Galaxy Tab S6, que promete máis produtividade e creatividade, de xeito que temos un dispositivo moi atinado para profesionais e creadores de contidos.
Pensando nos creativos a nova tableta conta cun S Pen redeseñado, que agora conta con funcionalidades de control remoto (que permiten tomar selfies ou controla o contido multimedia creado incluso coa tableta fóra das mans) e con carga sen fíos (ofrecendo até 10 horas de autonomía con só 10 minutos de carga).
A tableta Galaxy Tab S6 permite tomar notas co S Pen dun xeito máis doado, sendo capaz de converter notas a man en texto dixital e exportar a formatos como o de Microsoft Word cun único clic.
Tamén permite crear notas rápidas ou bosquexos en pantalla mentres se ve un vídeo, axustando a transparencia da fiestra de Samsung Notes.
A tableta tamén conta cunha nova versión de Samsung DeX, o que permite gozar dunha experiencia de uso semellante á dun PC, realizando varias tarefas ao mesmo tempo e optimizando a experiencia visual. Incluso a funda-teclado do Galaxy Tab S6 inclúe unha tecla de función DeX, que permite abrir e pechar ese modo con só premer unha tecla. O teclado tamén incorporou soporte para S Pen, un soporte de ángulo libre, un teclado táctil e novas teclas de función.
A Galaxy Tab S6 incorpora cámara dual (de xeito que é a primeira tableta de Samsung cunha cámara grande angular), ten un corpo lixeiro e compacto (só 5,7 milímetros de grosor), a súa pantalla Super AMOLED de 10,5 polgadas integra lector de pegadas, a combinación de SmartThings e Bixby tamén facilita o seu uso para o control domótico e incluso pode presumir de potencia dabondo para gozar de xogos bastante esixentes (aparte do potente procesador tamén conta cun modo Game Booster) e os seus catro altofalantes de AKG e Dolby Atmos conseguen mellorar a experiencia de reprodución musical e audiovisual (de feito, a tableta inclúe 3 meses de balde de Spotify Premium e 4 meses de balde de YouTube Premium).
A tableta chegará ás tendas a finais de agosto en cor Mountain Grey e Cloud Blue.

Vídeo promocional da Samsung Galaxy S6 protagonizado pola artista sevillana Coco Capitán

PUBLICIDADE