A nova película de Spider-Man terá un videoxogo desenvolvido por Beenox

luns, 17 de outubro do 2011 Marcus Fernández

Nos últimos días tivo lugar en New York unha convención sobre o mundo do cómic na que deron a coñecer numerosas novidades do cine, a televisión e os videoxogos (demostrando a influencia que a banda deseñada ten no lecer), e alí puido verse un poster no que anunciaban o videoxogo The Amazing Spider-Man, que estaría a ser desenvolvido por Beenox (compañía detrás dos 2 últimos xogos do Home Araña) e basearíase na película do lanzarredes que poderemos ver o ano que vén nos cines. Pero esta información completouse despois ao amosarse en primicia o trailer do xogo en desenvolvemento, que fuxiría da mecánica de Dimensions e Edge of Time, para optar por fórmulas de entregas anteriores, de xeito que volveremos a ver a Spider-Man nun mundo aberto no que balancearse coas súas redes por toda a cidade de New York.
O feito de que este xogo vaia estar dispoñible no verán de 2012 e o seu trailer corresponda a imaxes do mesmo (e non a secuencias cinemáticas) podería dar a entender as causas de que o recente Spider-Man: Edge of Time non dea a talla, pois sería un xogo feito ás presas para poder centrarse en Amazing, aínda que dende Beenox aseguran que este novo xogo leva un ano en desenvolvemento, ou sexa, que a compañía dividiuse en 2 equipos para poder abordar ambos proxectos.


Trailer filtrado do novo xogo de Spider-Man

PUBLICIDADE