A nova edición da feira Talentia Summit celebrarase en liña entre o 23 e o 27 de novembro

venres, 23 de outubro do 2020 Sonia Pena

O Concello de Santiago vai organizar en clave virtual a nova edición da feira de emprego Talentia Summit 2020, a finais de novembro (do 23 ao 27) e contando con máis de mil prazas de formación. Amais, o Goberno local fixo saber que participarán máis de 100 empresas. Alén das sesións online, que serán o groso do programa, convocaranse sesións híbridas emitidas por streaming para as poucas actividades que requiran asistencia en persoa.
A nova edición de Talentia Summit ten como finalidade propor “unha alternativa sólida para a reconstrución económica baseándose nos alicerces da innovación e o talento e, á vez, xerar oportunidades que permitan conectar o talento humano coas organizacións e entidades que actúan como potenciais empregadoras”. Ofrecerá, ademais, formación continua de balde para a mellora da empregabilidade da cidadanía.
O Concello lembra que esta edición conta cos mellores precedentes, entre eles o éxito de participación das edicións anteriores, nas que participaron arredor de 5.000 persoas. “Nesta edición”, engade a organización, “reunirase de novo a importantes autoridades institucionais, a destacadas empresas, a conferenciantes de renome, e a centos de persoas que pretenden impulsar o seu perfil profesional ou procuran novas oportunidades laborais”.
As persoas que se inscriban e/ou participen en Talentia Summit ‘20 poderán presentarse ante os responsábeis de recrutamento de empresas; acreditarse mediante certificacións de competencias dixitais ou idiomas; asistir a conferencias, obradoiros ou webinars; e outras moitas actividades que as axudarán na mellora das súas competencias profesionais.
Está previsto que a principios de novembro abra o prazo para reserva de prazas a través da web de Talentia Summit ‘20, www.talentiasummit.com.
Datas e prazos
A feira celebrarase entre o 23 e o 27 de novembro e, dada a situación sanitaria actual, presentará novidades acordes á pandemia mundial. Será como dixemos unha edición 100% virtual. Ao longo dos meses de outubro e novembro darase a coñecer a oferta de cursos e avanzarase máis información das empresas participantes, os relatores e todos os segredos que acubilla Talentia 2020.
Organización e precedentes
Trátase dunha iniciativa do Concello de Santiago. Parte da Axencia Local de Colocación dentro da área de Emprego da Concellaría de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo. Estamos, en palabras do Goberno local, “da gran feira de emprego de Galicia”.
Talentia Summit nace en 2018 cun obxectivo claro: inserir o talento e dinamizar o emprego desde Santiago de Compostela. A primeira edición foi quen de congregar a máis de 3.500 persoas. En 2019, superouse a barreira dos 5.000 asistentes, onde se trazou unha división en canto á oferta do evento que se manterá na presente edición, pero cun cambio radical, derivando nun evento 100% virtual.
Talentia Summit trata de establecer un espazo tanto para desempregados, como para usuarios en procura activa de emprego. “Pero tamén”, explica o Concello, “quere incluír a profesionais que pretenden mellorar e impulsar o seu perfil profesional e académico”.
Os asistentes poden optar a diferentes ofertas de emprego en Galicia, realizar cursos de formación para perfeccionar e mellorar o seu currículo, asistir a seminarios profesionais e contar co asesoramento de mentores contrastados.

PUBLICIDADE