A nova consola de Atari poderá encargarse a partires do 30 de maio

luns, 30 de abril do 2018 Marcus Fernández

O ano pasado emerxeron os plans do retorno da marca Atari como unha nova consola de videoxogos, para o que tirarían inicialmente proveito do micromecenado, e finalmente xa se coñecen os plans para a súa campaña de lanzamento: a partires do 30 de maio poderase encargar a nova Atari VCS a través de Ingiegogo.
A consola estará dispoñible tanto nun modelo retro con acabados de madeira como nunha versión negra, e o seu prezo partirá dos 199 dólares, estando só dispoñible por tempo limitado, aínda que os mecenas deberán agardar até a primavera de 2019 para poder pór as mans enriba a esta nova máquina de lecer electrónico que será bastante diferente doutras propostas nostálxicas, xa que desta volta apostará por contar cunha gráfica Radeon de AMD que lle permita gozar de gráficos 4K con HDR até a 60 cadros por segundo. Tamén contará con Wi-Fi de dobre banda, Bluetooth 5.0 e USB 3.0.
Acompañando á consola estarán dispoñibles un par de mandos: un clásico, que imitará ao das vellas consolas domésticas de Atari; e outro na liña dos gamepads das consolas actuais. Para atender aos amantes do retro tamén poderá empregarse para correr os máis dun cento de xogos de Atari Vault (que inclúe títulos como Asteroids, Centipede ou Breakout) aínda que espérase que poida empregarse para gozar de moitos outros tipos de xogos e contidos, dos que irán dando detalles nos vindeiros meses.

A consola Atari VCS incluirá a colección de xogos Atari Vault (con máis dun cento de títulos)

PUBLICIDADE