A nova cámara instantánea de Fujifilm estrea un Motion Mode

mércores, 26 de setembro do 2018 Marcus Fernández

Esta semana, aproveitando a celebración da Photokina, Fujifilm deu conta de numerosas novidades en cámaras dixitais, pero unha das que captou maior atención non foi precisamente a máis avanzada e innovadora, senón a máis nostálxica, a Instax SQUARE SQ20, unha cámara compatible coas películas cadradas Instax que chegará ao mercado en dúas cores a partires do 20 de outubro, e que como grande novidade ten un Motion Mode, que permite que o usuario poida rexistrar unha secuencia dun obxecto en movemento, e seleccionar así logo o mellor momento que quere transformar nunha fotografía instantánea, podendo incluso editar lixeiramente a imaxe.
Temos así que a SQ20 xa non é unha cámara instantánea básica como a SQ10, senón que ao poder gardar até 15 segundos de vídeo pode así rexistrar dun xeito máis seguro grandes momentos que van máis aló do retrato, como nenos ou mascotas xogando, para así preservar a instantánea para a posteridade.
O vídeo tamén pode aproveitarse para xerar un efecto de secuencia que dota de dinamismo ás imaxes (que presentarían certa imaxe pantasma do movemento), permitiría tamén facer composicións con 4 imaxes nunha marxe de tempo reducida (o que a algúns lembraralles ao que a xente facía habitualmente a tirar varias fotos seguidas nun fotomatón) e incluso permitirá facer composicións irregulares de varias fotografías.
Esta cámara tamén sería a primeira da súa serie en incluír función de zoom de até 4x. Aparte das películas, a cámara tamén garda as imaxes en tarxetas de memoria, o que facilita aproveitar a experiencia retro do seu uso coa publicación posterior das imaxes en redes sociais ou, simplemente, a súa preservación en formato dixital, aínda que cunha resolución bastante pobre (1920 x 1920 píxeles).

A cámara conta con novas posibilidades creativas

PUBLICIDADE