A nova Sony ZV-E1 quere converterse na cámara soñada polos creadores de contidos

mércores, 29 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Sony leva un tempo lanzando cámaras orientadas á videobloggers, conseguindo unha grande aceptación comercial, de aí que decidisen levar este tipo de dispositivos un chanzo arriba e presenten hoxe a nova ZV-E1, unha cámara con obxectivos intercambiables con montura E de Sony e sensor de formato completo capaz de ofrecer grandes posibilidades para a creación de contido nun formato bastante compacto.
Esta cámara ofrece os últimos avances tecnolóxicos de Alpha, unha alta sensibilidade e novas e revolucionarias funcionalidades de vídeo baseadas en intelixencia artificial, posicionándose como a cámara tope de gama do seu segmento.
A ZV-E1 ten un sensor retroiluminado CMOS Exmor R Full Frame de máis de 15 pasos de latitude e alta sensibilidade, motor de procesamento de imaxes BIONZ XR, recoñecemento de enfoque automático en tempo real e seguimento en tempo real constante baseados en intelixencia artificial, encadre automático, gravación en 4K a 60 imaxes por segundo (actualizable a 120 imaxes por segundo), configuración de vlog cinematográfico, estabilización óptica da imaxe no corpo de 5 eixes e modo de estabilización activo dinámico, micrófono con direccionalidade variable, pantalla táctil LCD de ángulo variable e conectividade doada co smartphone, entre outras moitas prestacións, que fan que esteamos ante un produto de grande calidade, ideal para os que queiran crear contidos máis coidados que os que permiten os móbiles de alta gama.
A Sony ZV-E1 estará dispoñible en abril a un prezo estimado de 2.700 euros (o corpo), o que sería un prezo máis económico da cámara grande que pretende emular (a Sony A7s III).

Vídeo promocional da Sony ZV-E1

PUBLICIDADE