A nova Fonera permitiranos compartir a conexión á Internet cos nosos amigos de Facebook

xoves, 24 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Dende Fon levan anos intentando crear a meirande rede Wi-Fi global facendo que os usuarios empreguen o seu router, coñecido como Fonera, para conectarse no fogar e tamén para compartir tal acceso con outros usuarios (o que facilita tamén o acceso ás redes Wi-Fi doutros usuarios cando se está fóra da casa); e tras sumar máis de 12 millóns de puntos de acceso en todo o mundo, no mes de novembro van pór á venda por 39 euros unha nova Fonera que podemos considerar revolucionaria por dicir adeus aos complicados contrasinais de redes Wi-Fi para establecer a comunicación a través de Facebook Connect, ou sexa, que os nosos amigos poderán aproveitar a conexión do noso router doméstico con só identificarse a través de Facebook.
A nova Fonera é máis cativa que as súas predecesoras, é compatible con Wi-Fi N, emprega encriptación WPA e, aparte de poder dar conexión sen fíos a convidados, tamén pode empregarse como repetidor Wi-Fi, ou sexa, para mellorar a cobertura da nosa rede Wi-Fi doméstica. Aparte de poder mercarse a través da tenda en liña de Fon, a nova Fonera tamén venderase a través de Amazon, polo que é de agardar que teña unha boa distribución internacional.

PUBLICIDADE