A nVIDIA Titan X de nova xeración ve a luz

venres, 22 de xullo do 2016 Marcus Fernández

A primeiros de maio nVIDIA presentou a súa gráfica GeForce GTX 1080, que fixaba un novo teito gráfico para os videoxogos e a realidade virtual, aínda que estaba claro que o seu reinado sería temporal xa que, pese a ter un prezo que parte dos 599 dólares, estabamos ante unha gráfica de consumo, e agora xa coñecemos a gráfica que a sucederá, a nova nVIDIA Titan X, que chegará ao mercado o 2 de agosto como a primeira gráfica de alta gama coa tecnoloxía nVIDIA Pascal, que terá un prezo duns 1.200 dólares, o que pode parecer toda unha tolería para os consumidores que ven como unha xa moi potente GeForce GTX 1060 poderá mercarse por uns 249 dólares.
O director xeral de nVIDIA, Jen-Hsun Huang, foi o encargado de presentar esta nova gráfica, e precisamente non o fixo ante unha chega de gamers, senón de académicos, científicos e estudantes, xa que os procesadores destas gráficas de alto rendemento poden aproveitarse para a construción de redes neuronais e diferentes proxectos de procesamento intensivo, que coa renovación da Titan X poderán dobrar a súa velocidade, o que é unha magnífica nova para os investigadores.
A nVIDIA Titan X chega aos 10 TFLOPS, conta con 3.584 núcleos CUDA, 12 GB de memoria VRAM GDDR5X a 10 Gbps, interface de memoria de 384 bits, largo de banda de 480 GB por segundo, unha velocidade de reloxo predeterminada de 1,5 GHz e un consumo de 250 watts.
Comparando a nova gráfica coas GeForce de nova xeración temos que as supera sobradamente, pero cun incremento de prezo que non é nada proporcional, xa que as GTX 1060, 1070 e 1080 conseguirían 4,4, 6,5 e 8,9 TFLOPS a prezos de 249, 379 e 599 dólares respectivamente, mentres que a Titan X estarían moi próxima en potencia á GTX 1080 pero custaría o dobre. Deste xeito hai moi poucas aplicacións actuais na que a Titan X compense, pero si hai que recoñecer que é bastante superior á GTX 1080 ao contar con 40% máis de núcleos CUDA e un 50% máis de memoria (que tamén ten un largo de banda un 50% superior) de xeito que a nova gráfica, pese a ter unha potencia de cálculo semellante, pode procesar máis información simultaneamente, o que é unha diferencia substancial en procesos moi determinados, ou sexa, que notarase especialmente en usos profesionais e non precisamente nos videoxogos.

Vídeo promocional da nVIDIA Titan X

PUBLICIDADE