A música galega bótase ás redes para presentarlle ao mundo as súas novidades

mércores, 25 de xaneiro do 2012 Fernando Sarasketa

Nestes tempos de balbordo mediático sobre cousas que nin nos van nin nos veñen, se cadra non sexa unha mala fórmula terapéutica comezar o ano apagando a televisión e poñendo no noso reprodutor un pouco de música, e se pode ser en galego, mellor que mellor. Isto é o que se nos propón, precisamente, dende a web do Consello da Cultura Galega, a través dunha completa reportaxe sobre o que está por vir, en 2012, en materia de música nosa. E o que está por vir ten tres características fundamentais: será moito, será bo e terá, en maior ou menor medida, importantes ligazóns coa Rede.
A maiores, podemos engadir unha cuarta: será variado.
Por unha banda haberá creacións novas de bandas novas e por outra, regresos agardados ao estudo de gravación, como por exemplo o de Os Cempés, logo de tres anos de pausa e a súa posterior campaña en liña co obxectivo de recadar o financiamento preciso para o seu novo proxecto, materializándose xa nos estudos do ribeirense Tomás Axeitos, un proxecto do que se vai dando conta, puntualmente e con todo detalle, no blog do grupo e máis no seu sitio en Facebook.
Outro que tamén cingue dous mundos, o musical e o 2.0, é El Puto Coke, que vén de subministrarlles aos internautas un anaco do que será o seu novo álbum, falamos do vídeo do tema Para el que quiera Calor. A canción é o adianto dun traballo que se pon á venda da man de Boa Music. Outros que tiran o máximo partido das cousas en liña son Zënzar, que lanzan na súa web un aperitivo-agasallo da súa próxima achega, da man de Javier Abreu, un álbum que está previsto que chegue en abril e que se dará a coñecer, facendo moito ruído, no festival Derrame Rock de Ourense.
Amais de todo o devandito, cómpre non deixar de ver a web de O Sonoro Maxín, outra banda galega que prepara traballo discográfico, o primeiro, titulado A onda sonora (chega do interior), producido en Euskadi por Kaki Arkarazo e dispoñíbel en marzo. A web non é outra cousa, neste intre, que un corazón latexando, ao noso xuízo metáfora máis que axeitada do que acontece no panorama musical galego, que mesmo cando remata o concerto segue vivo. Para quen queira máis información sobre as novidades de O Sonoro Maxín, cómpre que visite o seu sitio en MySpace, cadea de radio propia e máis carta de presentación. E pola banda de Santiago chega Ruxe Ruxe, a mítica banda de rock galego, que aparece na Rede por partida cuádrupla: con blog (O Cortelho dos Ruxe Ruxe), páxina propia e sitios en Twitter e Facebook. A través deles e da reportaxe do Consello da Cultura soubemos que hai novo traballo á vista, con presentación para o 31 de marzo na Sala Capitol de Santiago, acompañados de Medomedá. Nas ditas webs podemos escoitar xa o tema Rock do país.

PUBLICIDADE