A metade das vendas de Crackdown poderían corresponder ao mercado de segunda man

xoves, 16 de xullo do 2009 Marcus Fernández

Co lanzamento de Prototype (xogo que está a rexistrar moi boas vendas para Xbox 360 e PlayStation 3) non foron poucos os que comentaron que o xogo tiña certo aquel con Crackdown, título exclusivo para Xbox 360 que conseguiu bastante sona hai un par de anos, aínda que boa parte do seu éxito podería deberllo ao feito de que incluía unha clave para participar na versión de proba multixogador de Halo 3.
Agora, Dave Jones, o xefe de desenvolvemento de Realtime Worlds, bota unha vista atrás e asegura que só venderon 1,5 millóns de copias de Crackdown, pero que en cambio estiman que grazas ao mercado de segunda man o xogo podería ter chegado a venderse entre 2,5 e 3 millóns de veces, polo que a medida do éxito deste xogo resulta moi imprecisa (o número de vendas sería relativo), á vez que serve para ilustrar por qué os estudos de videoxogos non gustan do mercado de segunda man promovido polas grandes cadea de tendas.

PUBLICIDADE