A marca Nokia volve ao mercado das tabletas

mércores, 6 de outubro do 2021 Marcus Fernández

A marca Nokia comercializada por HMD Global sorprendeu lanzado unha tableta, a Nokia T20, cunha pantalla de 10,4 polgadas cunha resolución de 2.000 x 1.200 píxeles, 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento (ampliable mediante tarxetas de até 512 GB), altofalantes estéreo, recepción de radio FM (cando se usan auriculares con cable), Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0 e unha batería de 8.200 mAh con carga rápida de 15 watts, que sairá á venda este mesmo venres a un prezo de 239 euros na súa versión con Wi-Fi e a 249 euros con 4G, prezos que semellan bastante axustados para un produto que promete estar deseñado «para durar».
A tableta Nokia T20 preséntase como un produto de calidade, e unha autonomía de até 7 horas de reunións en liña, 10 horas de reprodución de vídeo ou 15 horas de navegación web. Ten garantidas actualizacións do sistema operativo durante 2 anos e actualizacións de seguridade durante 3 anos.
De cara aos cativos, esta nova tableta proponse como un xeito de acceder a Google Kids Space, plataforma de contidos que achega aplicacións, libros e vídeos orientados a nenos, que funciona coa conta de Google dos menores para facilitar que os seus proxenitores poidan xestionalas.

PUBLICIDADE