A maior parte da nosa mocidade merca bens e servizos na Rede con regularidade

luns, 27 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

O observatorio OSIMGA da axencia AMTEGA presentou estes días un novo estudo que diagnostica a situación do comercio electrónico na nosa terra, achegando datos de gran interese sobre o comportamento na Rede por idades e sobre os hábitos de seguridade que se aplican dependendo da franxa á que pertenzan os distintos internautas. No informe dise, entre outras cousas, que os hábitos do ecommerce están especialmente enraizados na xente nova. En detalle, sinálase que os menores de 35 anos mercan o dobre cós maiores. O informe concreta que case tres de cada catro galegos de entre 16 e 34 anos adquiren bens ou servizos na Rede.
Son datos recollidos no estudo A Mocidade e as TIC. Edición 2019 que vén de publicar o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á AMTEGA.
O informe sinala que o 93,7% dos mozos e mozas e 16 a 34 anos navegan decote pola Rede fronte ao 80,4% dos galegos de 35 a 74 anos. Entre os indicadores que analiza esta nova edición do estudo cómpre salientar, tamén, que máis do 97% dos mozos e mozas galegos empregan as redes sociais, case 27 puntos máis que os maiores de 35 anos.
No estudo en cuestión plásmase que as actividades realizadas nas redes sociais difiren segundo as xeracións ás que pertenzan os usuarios. A mocidade galega supera aos maiores de 35 anos en todos os usos analizados, destacando o seguimento de contas de influencers ou marcas comerciais (realizan esta actividade o 46,3% dos mozos e mozas fronte ao 19,2% dos máis maiores) ou compartir e visualizar vídeos e música, cunha diferencia de aproximadamente 26 puntos respecto aos de maior idade.
Fogares con nenos
O observatorio volve poñer o foco nas vantaxes de vivir nun mesmo fogar nativas e nativos dixitais con xente non nacida na era dixital. O informe sinala a este respecto que a convivencia con nenos en idade escolar (de 3 a 16 anos) anos aumenta o acceso a tecnoloxía, dende o uso de dispositivos electrónicos, de Internet ou do comercio electrónico. “O 99% dos fogares galegos onde conviven nenos e nenas en idade escolar dispón de acceso a Internet de banda larga”, explícase, engadíndose que este indicador medra máis de dous puntos respecto a ano 2017 e supera en máis de 17 puntos porcentuais á contratación de fogares onde non residen nenos en idade escolar.
Os menores de 35, máis confiados na Rede
Na investigación sinálase que un 77% dos galegos da franxa de idade comprendida entre os 16 e os 34 anos proporcionou información de contacto ou datos persoais na Rede, 20 puntos máis cós maiores de 35 anos. Pola contra, faise saber que as galegas e galegos máis novos adoptan máis precaucións que os maiores de 35 anos. E engádese: “O 58,7% dos galegos máis novos fai regularmente copias de seguridade da súa información persoal ou garda os contidos na nube fronte ao 40,9% dos maiores e limita a información que mostra nas súas redes sociais, como declara facer o 45,1% dos mozos e mozas fronte ao 49,5 dos maiores de 35 anos”.

PUBLICIDADE