A intelixencia artificial ao alcance da cidadanía

xoves, 22 de setembro do 2022 Marcus Fernández

Até o mes de febreiro a sede coruñesa de Afundación na cidade da Coruña acolle a exposición internacional AI: more than human¸ que fai un percorrido pola orixe, os retos e as oportunidades que a intelixencia artificial expón ao ser humano, polo que quixemos falar coa comisaria da exposición, Alba Meijide, para afondar nesta interesante mostra.

– Un concepto tan abstracto como a intelixencia artificial pode explicarse a través dunha exposición?
– Considero que é importante que todas as persoas coñezan o que é a intelixencia artificial e as súas capacidades en certo nivel, xa que é unha tecnoloxía que cada vez está mais presente nas nosas vidas.
Esta exposición proporciona unha moi boa explicación, non só do que é a intelixencia artificial, senón tamén de todo o que a rodea, desde o seu contexto histórico até as súas implicacións éticas e morais. Nela convídase aos visitantes para coñecer este mundo e poder extraer as súas propias conclusións sobre as súas aplicacións e como nos afectasen en todos os aspectos da nosa sociedade.

– Como naceu esta mostra? Hai achegas galegas nesta ambiciosa montaxe?
– Esta exposición nace no Barbican Centre de Londres, onde foi creada e exposta por primeira vez en decembro de 2019, e está coproducida co Groninger Forum de Países Baixos. A motivación detrás da súa creación é contar a historia da intelixencia artificial, e como esta leva connosco desde os inicios da humanidade, e tamén demostrar o seu potencial para revolucionar todos os aspectos da nosa vida.
A mostra reúne os traballos de perfís moi variados, desde artistas e científicos, ata músicos e investigadores de todas as partes do mundo para poder ofrecer este estudo sen precedentes dos desenvolvementos científicos e creativos da intelixencia artificial.
eVidens AI é o único desenvolvemento nacional da mostra, creado pola compañía galega ILUX Visual Technologies, o que eu tiven a sorte de poder deseñar. Trátase dun sistema que achega a intelixencia artificial ao sector do turismo, creando unha plataforma que, a través dunha rede de Deep Learning, é capaz de realizar unha análise exhaustiva e categorizada en tempo real da información contida en centos de miles de imaxes.

– A exposición comeza explorando as orixe da intelixencia artificial. Realmente vén de moi atrás esta inquedanza humana?
– Crear vida e intelixencia é un desexo que acompañou ao ser humano desde os inicios da historia. Esta fascinación pola creación de seres vivos artificiais foi explorada polo home en múltiples épocas históricas, como no xintoísmo xaponés, a tradición xudía ou a alquimia árabe. A maxia, a relixión e a ilusión eran algúns dos métodos utilizados por estas civilizacións, pero os avances científicos e tecnolóxicos dos últimos séculos son os que permiten que crear intelixencia sexa unha realidade.

– Na exposición hai unha sección destinada a máquinas que realmente fixeron historia na evolución tecnolóxica que levou a intelixencia artificial até o momento actual. Podes comentarnos algunha das pezas que serve para ilustrar o fenómeno?
– O mellor exemplo de máquinas que cambiaron o transcurso da historia son a máquina Enigma e o Bombe de Alan Turing, os cales foron decisivos durante a Segunda Guerra Mundial.
Os alemáns utilizaban a máquina Enigma para cifrar as súas comunicacións e mensaxes, e para poder descifralos era necesaria unha clave que só eles coñecían e que cambiaba cada dia. Cara o final da guerra era necesario explorar preto de 103 sextillóns de posibilidades cada dia para poder obter estas mensaxes cifradas, unha tarefa imposible de realizar por humanos. Foi neste momento cando Alan Turing e o seu equipo desenvolveron a máquina Bombe, considerada como o primeiro computador da historia. Esta maquina era capaz de extraer diariamente a clave necesaria para descifrar as mensaxes dos alemáns, o que permitiu que os aliados coñecesen todos os seus movementos e gañasen a guerra.

– O presente da intelixencia artificial tamén se aborda dun xeito ilustrativo e mesmo interactivo. Estamos ante unha material que poderiamos dicir que case ten máis arestas éticas que técnicas?
– Desde logo, a IA utilízase a diario ao noso redor tanto nos medios de comunicacións que consumimos como nos produtos que compramos. Nalgúns casos as manifestacións da IA son obvias, pero noutras ocasións non se comprenden na súa totalidade ou non se perciben. É importante reflexionar sobre todas as implicacións éticas e morais da intelixencia artificial en cada un dos aspectos nos que nos afecta. Falamos dunha tecnoloxía que pode afectar á verdade, á creatividade, á liberdade de expresión ou á privacidade entre outras moitas areas, o cal mostra a necesidade de coñecela e regulala de forma correcta para sacarlle o maior partido posible sen poñer en perigo as nosas liberdades.

– Atréveste a adiantarnos o que nos deparará a intelixencia artificial no futuro?
– A intelixencia artificial ha experimentado unha evolución espectacular na ultima década, é un campo en expansión constante no cal cada vez atopamos mais aplicacións e usos, que nalgúns casos benefíciannos e noutros supón unha ameaza.
Sería moi atrevido tentar predicir o que será desta tecnoloxía nos vindeiros anos, pero creo firmemente que agora mesmo estamos a presenciar o nacemento da intelixencia artificial, o inicio dunha gran revolución, e que quedan moitos desenvolvementos e formas na que esta nos sorprenderá nos próximos anos.

– Algún consello para quen queira visitar a exposición? Recomendaríaslla a algún perfil de público concreto?
– O mellor consello que podo dar a aquelas persoas que queiran visitar a exposición é que aproveiten esta experiencia e todas as obras interactivas que ofrece para experimentar de primeira man as capacidades da intelixencia artificial. Recomendo especialmente as visitas guiadas á exposición xa que achegan un contexto importante e cohesión ao percorrido e todas as pezas que se expoñen.
AI: More than Human non está pensada para ningún perfil en concreto, senón todo o contrario. A súa finalidade é achegar a intelixencia artificial a todo o mundo, independentemente da súa formación ou idade. Pretende desafiar todas as ideas preconcibidas que as persoas poidan ter sobre intelixencia artificial, e convidarlles a reflexionar sobre o seu impacto en nosa propia existencia.

PUBLICIDADE