A iniciativa compostelá de Cidade Intelixente, polo miúdo no Smart City Expo

mércores, 2 de decembro do 2015 Redacción

Fernando Suárez, responsábel de Innovación no Concello de Santiago, nun acto recente en Compostela

A presenza galega no que probablemente sexa o evento estatal máis importante do ámbito estatal, o Smart City Expo World Congress celebrado os días pasados pasados en Barcelona (entre o 17 e o 19 de novembro) resultou ser especialmente notábel. Se os días pasados falamos da participación de dous investigadores da Universidade de Santiago (Celestino García e Benjamín Augusto López) achegando a súa visión sobre os moitos beneficios que as tecnoloxías smart poden ter para crear sustentabilidade e calidade de vida nos espazos urbanos, cómpre sinalar que a presenza de Compostela e dos seus expertos en Cidades Intelixentes non rematou aí. De feito, Fernando Suárez, en calidade de responsábel de Innovación no Concello de Santiago, amosou os detalles de Smart iAgo, o proxecto para afianzar a capital de Galicia no ámbito das urbes smart.
Para comezar, Suárez debullou os catro eixes que artellan a iniciativa xirando arredor dun punto central ben definido: mellorar a calidade de vida e a habitabilidade dos cidadáns e visitantes. Estes catro eixes son os seguintes: mobilidade sustentábel e intelixente, cidadanía Smart iAgo, goberno Smart iAgo e entorno Smart iAgo.
Polo que respecta ao primeiro punto, a mobilidade, o responsábel de Innovación en Compostela sinalou que abrangue os seguintes retos asociados: reparto sustentábel de mercancías no casco histórico (inclusión de vehículos máis sostíbeis para a circulación na cidade vella), habilitación de sistemas intelixentes de xestión de tráfico e xestión smart de aparcamentos (liña esta na que se insire a experiencia piloto de Santa Marta, na contorna da rúa de Barcelona).
No que atinxe á ámbito da cidadanía, Suárez fixo saber que neste eido inclúense cousas como a xestión de refugallos intelixente. Na contorna de goberno, un dos obxectivos que se busca é acadar unha xestión integral de información e servizos, ao que cómpre engadir os servizos integrados co cidadán e a empresa (administración máis eficiente). O apartado de entorno dá acubillo a todo tipo de medidas para revitalizar a zona histórica, compaxinando a integración de tecnoloxías avanzadas smart coa conservación da contorna (Smart_District). Segundo ten informado Suárez en anteriores exposicións do proxecto compostelán, un dos obxectivos que se busca neste último apartado é desenvolver metodoloxías que permitan unha conectividade óptima na área histórica (banda larga de alta velocidade), arestora moi coartada polas súas características físicas (rúas estreitas, sobrepresenza do muros grosos de granito) e polos regulamentos que impiden realizar determinadas obras e instalacións.
Outra das actuacións visíbeis, engadiu Fernando Suárez, é o lanzamento do servizo +Bus de TUSSA, que como lembraremos permite aos cidadáns ter información en tempo real no seu dispositivo móbil de todo o relativo ao transporte público de Santiago, achegando cousas como o tempo que vai tardar un autobús en chegar a unha parada concreta ou, tamén, alertas sobre tráfico (a través da versión 2.0 da aplicación, da que falamos recentemente en Código Cero).

PUBLICIDADE