A iniciativa Twitter en galego celebra os seus 10 anos de vida

venres, 7 de maio do 2021 S. P.

Maio segue a ser un mes de boas novas para o galego nas redes, en parte pola festa do 17 e as súas múltiples e ensarilladas ramificacións, e en parte pola confluencia primaveral dos esforzos de entidades, institucións, colectivos e internautas por incrementar a presenza da nosa cultura no ámbito online. Este 7 de maio a comunidade tuiteira galega espertou cunha noticia para celebrar: o décimo aniversario da iniciativa Twitter en galego, cuxos impulsores están a conmemorar cunha marea de chíos unha década de vida reivindicando a nosa lingua nesta plataforma social. Na celebración participa tamén unha chea de personalidades do mundo cultural, divulgador e académico.
Por exemplo o presidente da Academia Galega, Víctor Freixanes, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, así como persoas relacionadas coa literatura (como Marilar Aleixandre ou Arancha Nogueira), da comunicación e o activismo dixital (como o webmaster de Código Cero, Marcus Fernández), da interpretación (como Monti Castiñeiras e Carlos Ares), do xornalismo (como Kiko Novoa e Alfonso Hermida), ou mesmo representantes políticos como Mercedes Queixas e Ana Miranda do BNG; e Noa Diaz do PSdeG.
En palabras dos impulsores da iniciativa Twitter en galego, este é “un dos nosos proxectos dixitais máis antigos que segue manténdose en activo”. O creador da iniciativa, Carlos Vieito, salientou que "o Twitter en galego non vai descansar até que sexa posíbel poder chiar tamén dende todos os dispositivos móbiles". E é que de momento o Twitter só se pode configurar en galego na versión web, pois "o galego segue en fase beta a igual que outras linguas como o éuscaro ou o irlandés" destacou Vieito, poñendo o foco na importancia de “manterse activos até lograr todos os obxectivos cos que naceu este proxecto dixital: poder configurar o galego e normalizar a lingua nesta rede social”.
E engade: “É fundamental termos a posibilidade de poder, se quixer, configurar calquera aplicación na nosa lingua, mais é moito máis primordial que os usuarios e usuarias destas plataformas poidan sentirse cómodas comunicándose na súa lingua, sen estar sometidas a ningunha presión ou prexuízo”.
Por certo que a iniciativa está neste intre á espera de que se permita acceder novamente ao Twitter Translation Center para poder actualizar a versión móbil. Mentres, séguese a traballar na divulgación de contidos referentes da cultura galega e dinamización da lingua.

PUBLICIDADE