A galega Sila Games reforza a súa distribución de xogos dixitais cun servizo de novas personalizado

mércores, 19 de xullo do 2017 Fernando Sarasketa

Os responsábeis da plataforma galega Sila Games, canle de distribución de xogos (principalmente para PC, Mac e Linux) que inclúe entre os seus servizos a posibilidade de que os xogadores de calquera recanto do planeta poidan mercar produtos dende a realidade virtual (a través da tenda Sila VR Store), veñen de introducir unha serie de melloras ao abeiro devandito servizo universal. Sen ir máis lonxe, veñen de crear a sección con autonomía propia: News. A nova iniciativa salienta por fornecer aos usuarios dunha resposta integral, sen atrancos nin límites, aos seus requirimentos de información actual sobre o ámbito gaming.
En termos concretos, subministra aos lectores todas as novas do sector, dende diferentes medios e distintos idiomas, e todo coa vantaxe de estar dispoñíbel nun sitio único. As novas veñen filtradas e ordenadas ao gusto do usuario. Sila apostou para esta proposta por unha interface sinxela e agradábel, moi doada de empregar a través dunha fórmula de “receitas”.
Por certo que o lector de noticias de videoxogos chega aproximadamente un ano despois do lanzamento ao mercado da tenda Sila VR Store, adaptada ás Gear VR de Samsung.
Para facernos unha idea do funcionamento de News, os responsábeis de Sila achegan un exemplo concreto: “Un xogador interesado nos deportes en liña que quixera datos específicos sobre os xogos League of Legends e eSports, podería crear unha receita na que engade estes dous elementos e elixir de que medios específicos tirar as noticias, por exemplo IGN e Eurogamer (nas súas versións inglesa e española), e desta maneira o usuario será quen de ver, unicamente, as novas dende os dous medios relacionados cos seus intereses particulares”. E engaden: “O noso obxectivo foi darlle ao usuario o poder de decidir que información quere ver dunha forma sinxela, de aí saíu a idea de poder crear as receitas; con esta ferramenta buscamos que o proceso de ler artigos que sexan do seu interese fose o máis simple posíbel”.
Para poder sacar proveito deste servizo os usuarios deberemos crear, en primeiro lugar, unha conta de balde. Unha vez feito isto xa poderemos dar forma ás nosas propias receitas e empezar a ler as noticias filtradas nunha interface que ademais está adaptada para móbiles, “co fin de poder utilizala en calquera parte”. Polo que respecta ao proceso de creación de receitas, teremos que elixir o tema sobre o que queremos ler (entre a manchea de consolas, videoxogos e torneos dos que se fala nas redes) e logo seleccionar os medios de onde queremos extraer as informacións, entre máis de medio cento de canles de todo o mundo dispoñíbeis en seis linguas diferentes. O terceiro paso é nomear a nova receita para atopala da maneira máis rápida.
As receitas creadas serán públicas, de tal maneira que a comunidade pode subscribirse ás doutros usuarios e así axilizar o proceso de lectura. Nada mais entrar en páxina (news.silagames.com) convídasenos a crear unha receita e móstrasenos unha escolma das máis seguidas, a modo de exemplos.

PUBLICIDADE