A galega Scio IT desenvolve unha plataforma que permite as comunicacións no mar en zonas de cobertura nula

mércores, 5 de abril do 2017 Fernando Sarasketa

A empresa galega Scio IT, da que temos falado recentemente para salientar as posibilidades da súa tecnoloxía SAMLA para o mantemento de infraestruturas inaccesíbeis, vén de aplicar novamente a súa capacidade de innovación para dar forma a unha plataforma que permitiría e facilitaría comunicacións dende o mar e, máis en concreto, dende contornas marítimas onde a cobertura é nula. Esta tecnoloxía de emisións de sinais será probada estes días (en fase de probas) por Navantia, con vistas a unha posíbel instalación na ría de Ferrol. Segundo informa a empresa con sede na Coruña, a plataforma chámase Buonet e xa recibiu a licenza internacional de man do Sistema Internacional de Patentes. Trátase, nas súas palabras, “da primeira plataforma off-shore de baixo custe para vixilancia, comunicacións e sistemas TIC”.
Consiste, máis en detalle, nun dispositivo que, instalado e balizado no mar, pode ser equipado cun sistema de seguimento mediante cámaras, cun emisor ou repetidor de comunicacións, así como con calquera medio para medicións ambientais.
“Desde este equipamento”, sinala a empresa galega, “pódense emitir e recibir sinais en zonas de sombra ou onde a cobertura é nula”. Ademais, engaden, as antenas de comunicacións están condicionadas pola potencia da estación e a orografía da contorna. Estas características fan que a tecnoloxía resultante sexa moi acaida para todas as localizacións, mesmo para emprazamentos costeiros con accidentes xeográficos moi abruptos, por exemplo cantís, calas ou rías, onde a cobertura pode chegar a ser literalmente inexistente. “Buonet é a solución a esta problemática”, informan dende Scio IT, engadindo que con esta tecnoloxía céibase aos profesionais da necesidade de instalar soportes específicos e elixir contornas concretas que demoran a mellora e a evolución das comunicacións marítimas (en cantís e calas o equipamento de repetidores en terra é moi custos e pouco eficiente). Pola contra, explican dende a empresa galega, “o fornecemento de Buonet garante unha total funcionalidade”.
Lembrar que Scio xa conta cunha plataforma deste tipo na ría de Arousa que funciona como repetidor de comunicacións AIS e que permite “en todo momento e a calquera tipo de embarcación” comunicar a súa posición e outras informacións relevantes.
Pablo Bermúdez, director xeral da compañía galega, sinala que é un modelo “moi rendíbel en comparación cos emprazamentos terrestres”. Ademais, explica, “unha das peculiaridades de Buonet é que se trata do primeiro mastro no mar que coas peores condicións de vento e ondas fica practicamente fixo”. Ademais, é flotante e ten unha oscilación máxima de cinco graos. O sistema apenas necesita mantemento e fabrícase integramente en Galicia.

PUBLICIDADE