A galega Improving Metrics, socia dun ambicioso proxecto europeo sobre a Internet das Cousas, Brain-IoT

martes, 17 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

>A firma galega Improving Metrics, con sede na Coruña e centrada en achegar servizos integrais de analítica e de estratexia dixital (servizos para a recollida, procesamento, explotación e análise de datos sobre o comportamento dos usuarios nos ámbitos dixitais), está a participar nun avanzado proxecto europeo para impulsar, en múltiples aspectos da nosa vida cotiá, as tecnoloxías da Internet das Cousas (IoT polas súas siglas en inglés). Estamos a falar do proxecto Brain-IoT. A iniciativa de H2020, financiada con 5 millóns de euros, ten como obxectivo a colaboración entre plataformas heteroxéneas de obxectos conectados e establecer unha metodoloxía que soporte comportamentos intelixentes, tanto cooperativos como autónomos.
Detrás de Brain-IoT atópase un consorcio europeo formado por unha ducia de socios de España, Francia, Alemaña, Italia e Reino Unido. A empresa galega Improving Metrics participa na investigación e no desenvolvemento dos elementos de Intelixencia Artificial e analítica de datos do proxecto, ademais de encargarse da dirección de calidade do mesmo. Segundo nos contan fontes da firma coruñesa, o obxectivo de Brain-IoT é “fornecer dunha contorna de cooperación entre diferentes plataformas de IoT e establecer un marco de referencia e unha metodoloxía que permita o comportamento intelixente, tanto autónomo como colaborativo”. A intención, polo tanto, é “ofrecer ferramentas que permitan a toma de decisións baseada en datos de forma autónoma e segura”.
Os escenarios propostos como demostradores nos traballos a realizar son a robótica e a xestión de infraestruturas críticas, “aínda que tamén haberá máis liñas de acción asociadas a outros proxectos europeos, sinalan dende Improving Metrics, engadido que para desenvolver Brain-IoT os socios contan con 5 millóns de euros do Programa Marco de Investigación e Innovación da Unión Europea, Horizonte 2020, un programa que financia proxectos en áreas estratéxicas a nivel europeo.
Máis en detalle, a iniciativa está coordinada polo Instituto Superior Mario Boella (ISMB) de Italia e inclúe tres empresas españolas, Improving Metrics, Emalcsa e Robotnik que colaboran man a man con multinacionais como Siemens, Airbus e STMicroelectronics e con centros de investigación como o Comisariado para a Enerxía Atómica e as Enerxías Alternativas (CEA) e a Universidade de Grenoble Alpes, a Eclipse Foundation e o Instituto Audiovisual e de Telecomunicacións de Europa (IDATE).
Como lembraremos, Improving Metrics é unha empresa tecnolóxica especializada en analítica de datos, intelixencia artificial, desenvolvemento e optimización de estratexias de negocio dixital. Entre os seus clientes conta con multinacionais de diversos sectores, como o farmacéutico, a banca, a venda ao por maior ou os seguros. Grazas á análise de datos e ao desenvolvemento de produtos propios, Improving Metrics consegue que os seus clientes obteñan o máximo retorno da información que manexan.

PUBLICIDADE