A galega Igalia deseña aplicacións para trebellos móbiles baseadas en software libre

luns, 1 de setembro do 2008 Raquel Noya

A galega Igalia, empresa de enxeñaría informática con sede na Coruña, está a traballar nun proxecto de investigación orientado á mellora de servizos e aplicacións nos dispositivos móbiles para aqueles usuarios e usuarias que, entre outras cousas, precisen usar o navegador web e as aplicacións multimedia a través deste trebello.
Con este proxecto, que se prevé rematar a finais de 2008, Igalia propón unha solución baseada en software libre para que os dispositivos móbiles conteñan servizos “cada vez máis completos” e se desenvolvan produtos de baixo custo “coa mellor funcionalidade posible”.
Para esta iniciativa, Igalia emprega como base a tecnoloxía Gnome/Maemo, unha plataforma ou conxunto de programas e utilidades para dispositivos móbiles baseados en software libre que tamén empregan outras compañías de traxectoria consolidada tales como Nokia, Intel ou Openmoko.
Segundo veñen de afirmar os responsables do proxecto, os resultados “terán unha aplicabilidade máis ampla” e poderán reempregarse noutro tipo de dispositivos tales como solucións para escritorios de ordenadores, PDA ou GPS.
Para concretar os seus obxectivos, Igalia centrouse en tres liñas de traballo: a plataforma de desenvolvemento xeral (que inclúe tecnoloxías base para a creación de aplicacións), aplicacións ao usuario e a xestión de calidade nos proxectos. No que se refire á plataforma de desenvolvemento xeral, o traballo baséase na creación e adaptación de bibliotecas reutilizables, é dicir, de anacos de software que poderán ser adaptados e integrados por terceiros no desenvolvemento de diversas aplicacións. Un exemplo son as posibles adaptacións da biblioteca gráfica de Maemo e a creación de novas pezas que permitan a creación de interfaces visuais para os aparellos móbiles.
O segundo dos obxectivos apuntados por Igalia é o desenvolvemento e adaptación de aplicacións para o usuario axeitadas e pensadas para funcionar nun entorno móbil, como son o navegador, o cliente de correo e as ferramentas multimedia. No caso de navegador web, traballan para incrementar o rendemento dos xa existentes e no tocante ao cliente de correo, a empresa galega está a traballar na mellora do proxecto Tinymail/Modes, que hai dous meses foi incluído na última versión do software oficial dos tablets Nokia.
Os desenvolvedores do proxecto aseguran que “ten unha importancia especial para Galiza” xa que, pola súa organización territorial e demográfica require solucións de comunicación baseadas nas redes sen fíos e nos dispositivos móbiles asociados ás mesmas, que “permiten unha conexión flexible, menos custosa e con novos usos”.
A iniciativa conta co respaldo da Consellaría de Innovación e Industria, que vén de concederlle a Igalia unha axuda de 56.250 euros a través do Programa de Sociedade da Información do Plan Galego de I+D+I 2006-2010 (INCITE).

PUBLICIDADE