A galega Emma Ríos participa nunha reflexión sobre o alcance artístico dos videoxogos

luns, 21 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Aínda que non hai dúbidas á hora de definir ao videoxogo como unha forma de lecer electrónico, un xeito de divertimento, cando nos fixamos nos seus elementos narrativos, visuais, auditivos... podemos chegar a expor a cuestión de se estamos ante unha arte en si mesma, e para enriquecer tal debate dende PlayStation decidiron programar para mañá ás 19:00 horas unha emisión en YouTube baixo o cancelo #ElVideojuegoEsArte, na que convidan a artistas e profesionais do mundo da cultura a dar a súa opinión ao respecto.
Esta peza audiovisual busca así animar á reflexión, levando a moitos xogadores habituais a repasar os títulos aos que xogaron na súa vida para tentar definir os que considerarían auténticas obras de arte (no que semella un aceno á obra de Fumito Ueda, que está a piques de ampliarse coa chegada de The Last Guardian a PS4), así como ser capaz de catalogar como artista a un creador de videoxogos.
Entre os participantes en #ElVideojuegoEsArte podemos destacar a Enric Álvarez, de MercurySteam (estudio detrás do aclamado xogo Castlevania: Lord of Shadow), o músico El Chojin e á artista de banda deseñada galega Emma Ríos (con diversos traballos como ilustradora para Marvel, así como a serie independente de éxito Bella Muerte).

Vídeo promocional de #ElVideojuegoEsArte

PUBLICIDADE