A galega Emetel incorpora a Enrique Prieto como novo director técnico

mércores, 25 de maio do 2011 Raquel Noya

A empresa galega Emetel, especializada en achegar solucións de comunicación e sistemas de redes, vén de anunciar a incorporación de Enrique Prieto como novo director técnico da compañía, que chega á mesma por segunda ocasión, logo de ter formado parte da plantilla entre os anos 1995 e 1998.
Posteriormente pasou a ser responsable de Rede na empresa R Cable e Telecomunicacións, e tras dez anos nesta compañía, ocupaba dende hai dous, o cargo de adxunto a Dirección da empresa Electrónica del Noroeste.
A incorporación de Prieto a Emetel englóbase, en palabras do actual director xeral, Manuel Lago Vecino, na aposta da compañía “por ofrecer a máxima calidade e innovación de servizo” aos seus clientes e o desenvolvemento orgánico que a leve a situarse como “unha das empresas TIC líder en Galicia”.
Asemade, a través desta nova incorporación, Emetel, que entre os seus principais clientes ten a R, Navantia, Grupo CRTVG, AENA ou as tres universidades galegas, potencia a súa estratexia de apostar pola innovación propia, a través de solucións que xeren valor aos seus clientes e lles permita competir mediante a incorporación de tecnoloxías de seu.

PUBLICIDADE