A galega Ednon prepara un seminario co que achegar solucións útiles de Data Center

mércores, 13 de xuño do 2012 Raquel Noya

O seminario terá lugar no hotel A Quinta da Auga de Santiago de Compostela

O vindeiro 25 de xuño, o hotel A Quinta da Auga de Santiago de Compostela vai acoller unha xornada demostrativa da man da firma tecnolóxica Ednon, unha das principais empresas do sector TIC do noso país, coa que dará a coñecer, entre outras cousas, as súas achegas e as de outras entidades galegas en materia de almacenamento dixital e virtualización.
A xornada vai destinada a CIOs e responsables de Sistemas de empresas e administracións públicas interesados en coñecer as novas solucións tecnolóxicas que aportan partners de referencia como Cisco , Intel, Milestone, Axis Comunications e Red Hat.
O evento dará comezo a partir das 10:00 horas, coa intervención primeira do persoal de Cisco, para presentar as súas solucións para Data Center, e a continuación o programa prevé a intervención da xente de Intel, cun relatorio sobre a nova xeración de procesadores.
A presentación das solucións tecnolóxicas de Milestone dará comezo a partir das 12:00, cunha conferencia que leva por título Como aforrar cartos e mellorar a vixilancia en contornas públicas coa plataforma aberta de vixilancia IP.
Tamén Axis Communications vai basear a súa intervención en videovixilancia IP, porén neste caso referíndose a contornas urbanas e AAPP, así como ás súas aplicacións.
A última intervención vén da man de Red Hat, que presentará unha alternativa estratéxica baseada no dilema Virtualización Open source Empresarial versus propietario.
As persoas interesadas en asistir a este evento, que é de balde e ten aforo limitado, deberán enviar un correo electrónico a eventos@ednon.es, ou chamar ao teléfono 981 552 700 para reservar a súa praza.

PUBLICIDADE