CO2 Smart Tech presenta un software para iniciar ás empresas na xestión eficiente de recursos
mércores, 8 de outubro do 2014
A empresa galega CO2
Smart Tech, con sede en Oleiros e especializada no
desenvolvemento de sistemas avanzados de control e xestión
enerxética en liña, está estes días a participar no evento
Conxemar, edición 2014 da
Feira Internacional de Produtos do Mar e Conxelados que se celebra
até este 9 de outubro no IFEVI de Vigo. O cometido principal de CO2
Smart Tech neste macroencontro empresarial do sector do mar é, en
termos xenéricos, amosar un novo caso de colaboración TIC con
sectores externos. En termos concretos, trátase de expoñerlles ás
empresas do mar as posibilidades do sistema co2st-tem, unha
ferramenta para o aforro e redución de custes. Por certo que o
sistema vén con novidades: aplicacións móbiles específicas para
tablets que, sincronizadas cunha aplicación na nube, permiten
actuar sobre as instalacións de xeito remoto.
Volvendo ao miolo de co2st-tem, dende CO2 Smart
Tech, informan que se trata en boa medida dunha iniciativa para
axudar ás nosas empresas a iniciarse no control e xestión de
consumos e custes de subministros de auga, electricidade e gas
mediante unha software de balde dispoñíbel e operábel na nube.
“Grazas a un dos módulos deste software”, engaden os
responsábeis de CO2 Smart Tech, os usuarios disporán “dun sistema
de xestión de seu que lles permitirá detectar erros de facturación,
dispor de indicadores de evolución de consumos e comparar ofertas de
subministro enerxético”.
- A feira Conxemar, un referente internacional do sector dos produtos do mar e os conxelados
A empresa tamén salienta que se trata
dunha ferramenta aberta e flexíbel, que se adapta ao modelo de
xestión de recursos de cada organización e que ten como obxectivo
último e fundamental contribuír a que todos melloremos en
eficiencia e reducir o impacto no medio ambiente. Para acceder a este
software é preciso rexistrarse na ligazón www.co2st.es/registro/.
O software fornece dun recurso de axuda que facilita o manexo da
ferramenta.