A galega Ayco celebra os seus 15 anos de actividade

luns, 9 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

A empresa galega Ayco está estes días de celebración por partida dupla: porque vén de cumprir 15 anos de actividade e porque unha boa parte dos seus servizos están a día de hoxe, en pleno verán, fervendo de actividade. E máis se temos en conta que entre as súas achegas recentes atópanse (por poñer uns exemplos) unha aplicación para atoparmos a praia galega que mellor lle acae aos nosos gustos ou unha ferramenta, BDLocaliza, que é o primeiro sistema de xeolocalización de persoas en tempo real deseñado para o novo Samsung Galaxy Tab. Volvendo ao aniversario, dicir que Ayco naceu un día como o pasado 7 de xullo, en 1997, da man de tres compañeiros procedentes de diversas frontes tecnolóxicas (telecomunicacións, informática) que viron na Internet de aqueles tempos, unha cousa en desenvolvemento, a canle imprescindíbel da comunicación futura.
A longo deste tempo, os froitos da súa aposta foron moitos e de variada natureza (servizos tecnolóxico-dixitais para o Colexio de Xestores de Pontevedra, para CRTVG, o Concello de Vigo ou a Zona Franca de Vigo), combinando esforzos con Vodafone e Blackberry (co fin de chegar a máis clientes e ofrecer oportunidades novas de negocio) e colaborando con proxectos europeos de innovación como ATOM, actividade trala que xurdiu Imaxdi, spin off da que falamos hai pouco en Código Cero para dar conta da súa participación en CATS Galicia presentando tecnoloxía para os eidos social e sanitario. Sobre o seu futuro, os tres impulsores de Ayco adoptan unha postura de optimismo, cousa lóxica e natural tendo en conta o longo treito percorrido e as pólas que lle foron nacendo, nestes anos, ao tronco orixinal. “Hoxe en día”, comentan, “o tronco de Ayco é robusto e ten fortes raizames, e aínda que medra nun medio hostil, conta cunha serie de cousas ao seu favor: experiencia, traballado duro, actividade envorcada ao servizo dos clientes e da mellora dos servizos e aposta firme polo eido 2.0 e tódolos seus elementos: webs, intranets, aplicacións móbiles, redes sociais, etc”.

PUBLICIDADE