A galega Apparcar, elixida por Wayra entre os proxectos máis innovadores do Estado

mércores, 16 de abril do 2014 Fernando Sarasketa

O emprendedor vigués José Luís Leirós, responsábel de Apparcar

A aceleradora de novas ideas empresariais Wayra, impulsada por Telefónica, vén de informar que hai presenza galega entre os 10 proxectos “máis innovadores” que acubilla a día de hoxe esta palestra de start-ups. Trátase da Apparcar e a súa aplicación móbil do mesmo nome, impulsada polo emprendedor vigués José Luís Leirós, seleccionada por Wayra de entre máis de 660 proxectos tecnolóxicos de toda España amosando o nexo común da creatividade empresarial. Segundo informa Telefónica, Apparcar xa está arestora integrando por dereito propio a listaxe de 10 firmas estatais máis prometedoras. Estas firmas estarán acubilladas por Wayra ao longo deste ano.
Xa en termos máis concretos, dicir que a inclusión de Apparcar na dita clasificación ábrelle as portas a un financiamento de até 40.000 euros, un espazo de traballo na academia Wayra Madrid, ademais de acceso “a un destacado panel de expertos e mentores”. Tamén se lle achega a posibilidade de dispor de apoio tecnolóxico e asesoramento en empresas das distintas unidades comerciais do Grupo Telefónica e de Wayra en 13 países. Lembrar que a aceleradora xa propiciou o despegue de tres xeracións de iniciativas (actualmente desenvólvese a cuarta quenda) e que en total, as firmas participantes conseguiron atraer máis de 10 millóns de euros de investimento e financiamento externo.
Polo que atinxe á aplicación galega, dicir que Apparcar preséntase como “a primeira aplicación móbil gratuíta que permite aos condutores atopar a praza de estacionamento libre máis próxima ao seu destino na rúa e reservala con tan só un clic”. Ademais, fornece un xeito de facer as cousas con respecto aos aparcadoiros públicos que difire de todo o visto e aplicado até o de agora, en primeiro lugar porque é quen de achegar datos en tempo real a través de algoritmos propietarios que permite saber a todos os implicados que prazas están ceibes, o que deixa fóra de xogo factores habituais na busca de aparcadoiro como a intuición ou a sorte, xeralmente pouco efectivos. En definitiva, ábreselle a porta á rendibilidade e á eficacia, fomentando ao mesmo tempo o respecto polo medio (canto menos voltas deamos pola cidade buscando praza, menos contaminaremos).
O método de funcionamento de Apparcar, engade Telefónica, é sinxelo e moi semellante ao empregado para a xestión de reservas de butacas en teatros ou salas de cinema. Conta ademais a vantaxe de ter sido probado con éxito, máis polo miúdo en Oviedo, onde obtivo unha valoraciónd e 4,7 sobre 5 por parte das persoas que lle deron uso.
Lembrar tamén que o sistema a Apparcar é quen de detectar a través do GPS do móbil cando estamos preto do destino indicado. Asemade, tamén ten unha función para coñecer se desexamos facer efectiva unha reserva e por canto tempo. No caso de que a praza recomendada estea ocupada por outro vehículo sen reserva, podemos facer saber a incidencia -comprobada por un controlador-, e automaticamente ofrecerásenos unha nova praza próxima e con desconto. Salientar por último que a aplicación galega foi recoñecida como Mellor proxecto de entidade privada para o fomento da cidade intelixente por FUNDETEC.

PUBLICIDADE