A frutífera confluencia entre tecnoloxías e galego centrou a XVI Xornada de Normalización Lingüística

venres, 27 de novembro do 2020 Sonia Pena

Este 26 de novembro celebráronse as sesións da XVI Xornada de Normalización Lingüística, un encontro para potenciar a presenza do galego nas aulas e que puxo o foco, nesta convocatoria, nas posibilidades das novas tecnoloxías da información para fortalecer o devandito obxectivo educador e normalizador. Organizada por Escolas Católicas co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, está dirixida ao profesorado de centros públicos e privados. As sesións foron inauguradas polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a secretaria autonómica de Escolas Católicas, Juana Otero.
Valentín García explicou que os recursos e ferramentas presentados nas xornadas “terán unha dobre función: por unha banda favorecer que os equipos de dinamización e o resto do profesorado poidan seguir facendo o seu labor educativo en galego mesmo cando o alumnado ten que gardar corentena e, a maiores, aumentar o uso do galego na rede e coas novas tecnoloxías, o que xa en si mesmo é unha ensinanza para o alumnado, que pode comprobar que a nosa é unha lingua moderna que vale para desenvolverse no século XXI e cos medios do século XXI”.
Como dixemos, a XVI Xornada de Normalización Lingüística está organizada por Escolas Católicas en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Dadas as especiais circunstancias deste ano de pandemia, celebrouse por primeira vez en liña, adicándose, fundamentalmente, a abordar os contidos, ferramentas e recursos virtuais que permiten a continuidade da actividade educativa a distancia.
En detalle, incluíu un relatorio e de tres experiencias de centros. O relatorio, titulado O Museo Pedagóxico de Galicia achégase ás aulas: ferramentas e recursos, correu a cargo de Beatriz Seco e María Pais, directora e responsábel de didáctica do MUPEGA, respectivamente. A continuación presentáronse as experiencias O xeróglifo como recurso para dinamizar as aulas de lingua, de Carlos L. Medrano (CPR Plurilingüe Fogar Santa Margarida, A Coruña); Pan comido. Xogando en galego, de Anxo Gómez (IES de Carral), e Gamificando co galego, de Ginés Vázquez e David Méndez (CPR Plurilingüe Padres Franciscanos de Lugo).
A xornada pechouse coa entrega dos Premios Irmán Reboiras ás mellores iniciativas -este ano, tamén virtuais- de fomento do galego. Os galardóns de 2020, que contan co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Editorial Santillana, recaeron nos equipos de dinamización da lingua galega do CPR Plurilingüe Esclavas Sagrado Corazón de Jesús da Coruña e do CPR Plurilingüe Divino Maestro de Santiago de Compostela. O primeiro dos centros foi premiado polas actividades A Semana de Galicia, Presentación das Letras Galegas, Vocabulario Galego e Xogo: A Granxa, mentres que o segundo foi recoñecido polas propostas Escribimos poemas, Recuperamos os Maios e Realizamos un proxecto kamishibai.

PUBLICIDADE