A franquía de Guitar Hero volverá a consolas no outono

martes, 14 de abril do 2015 Marcus Fernández

Harmonix anunciou o mes pasado que este ano teremos Rock Band 4 para PS4 e Xbox One, devolvendo o popular xénero de xogos musicais dun xeito moi continuista, que agradecerán moitos usuarios que incluso poderán conservar as cancións que tivesen mercado para as anteriores entregas de Rock Band, pero o seu principal competidor vai ir por un camiño diferente, de xeito que no outono teremos Guitar Hero Live, xogo que manterá a mesma esencia que outros Guitar Hero, pero renovando a súa fórmula de distintos xeitos entre os que queren destacar que presentar unha experiencia de xogo en primeira persoa, de xeito que poderemos ver ao público mentres tocamos cancións no escenario.
Este novo xogo corre da man de FreeStyleGames, estudio detrás de DJ Hero e DJ Hero 2, e vai contar cun curioso complemento, GHTV, a primeira rede do mundo en ofrecer vídeos musicais xogables. GHTV é un modo de 24 horas que permite que os afeccionados accedan a unha colección de vídeos musicais oficiais continuamente actualizados, que van dende novos temas até grandes clásicos, para poder interpretalos baixo demanda e incluso poder tocalos cos amigos (en local ou a través da Rede).
Aínda que nun principio está previsto que Guitar Hero Live e GHTV cheguen para PS3, PS4, Xbox 360, Xbox One e Wii U, tamén contará con versións para algúns dispositivos móbiles, o que contemplarase na estratexia destes produtos dende o primeiro momento, dando a impresión que Activision tería aprendido da experiencia anterior, e agora busca crear unha experiencia diferente, cunha vocación de longo prazo.
Como acontecía en anteriores entregas de Guitar Hero, os novos xogos poderán controlarse con mandos con forma de guitarra, que desta volta experimentan un importante redeseño, ofrecendo dúas filas de tres botóns para permitir un control máis natural (de xeito que un novato pode limitarse a xogar empregando só tres botóns, de xeito que cando prospere no xogo poidan ir empregando un control cada vez máis complexo).
Dende Activision confirman que o xogo contará con artistas moi variados como The Black Keys, Fall Out Boy, My Chemical Romance, Gary Clark, Jr., Green Day, Ed Sheeran, The War on Drugs, The Killers, Skrillex, The Rolling Stones, The Lumineers, Carrie Underwood, Pierce the Veil, Blitz Kids e moitos outros que irán confirmando nos vindeiros meses.

Guitar Hero Live inclúe a vista do público como a súa principal innovación


Trailer oficial de Guitar Hero Live

PUBLICIDADE