A formación de competencias TIC para o profesorado europeo terá participación galega

mércores, 22 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

O grupo de investigación en Tecnoloxía Educativa da USC e o departamento de aprendizaxe a distancia (e-learning) do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) están a traballar nunha iniciativa europea dirixida a dar corpo a un sistema de formación e acreditación de competencias tecnolóxico-dixitais de profesorado de Primaria e Secundaria. Segundo informa a Universidade de Santiago, o proxecto en cuestión coñécese como ICTeacher, e conta con financiamento europeo dentro do seu programa Lifelong Learning. Ademais da devandita achega galega, ICTeacher nútrese dos traballos de investigadores de países como Gran Bretaña, Hungría, Dinamarca e Austria. O proxecto, malia contar coas vantaxes de participación a distancia que subministra o eido da comunicación dixital, comparte moitas das características cos proxectos de colaboración tradicionais, polo que tamén require actividade presencial. Aí é onde se insiren os encontros que vai albergar a Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur de Santiago estes 23 e 24 de abril, reunións nas que concorrerán os principais investigadores dos equipos integrantes amais de profesionais dos distintos niveis de ensinanza pública en España.
A xuntanza servirá para presentar o alcance do proxecto e traballar no deseño dos futuros cursos de formación.
Como dixemos, os equipos participantes na iniciativa tirarán proveito do seu traballo e experiencia conxunta para deseñar un sistema internacional para a formación dos profesores no uso didáctico das Tecnoloxías da Información e das Comunicación (TIC) que repercuta na mellora da calidade dos procesos educativos e no incremento das posibilidades e uso destas tecnoloxías nas prácticas docentes. Polo que respecta á natureza da participación galega, dicir que o grupo de Tecnoloxía Educativa da USC está arestora coordinando a primeira das accións da iniciativa e será responsable do informe de investigación sobre o estado da cuestión en Europa. Máis adiante, centrará os esforzos para a posta en marcha do curso piloto ICTeacher en España que certificará a Universidade de Santiago. Por certo que para a realización dos cursos piloto en cada país, a área de e-learning do CESGA desenvolveu e adaptou un soporte particular baseado na plataforma de software libre Dokeos, contorno que achega un espazo virtual privado onde todos os membros comparten información sobre termos administrativos.

PUBLICIDADE