A firma galega Primux Tech presentou nova tableta, Siroco Y

martes, 6 de xuño do 2017 Redacción

O fabricante galego Primux Tech presentou os días pasados unha nova tableta de seu. Trátase da Siroco Y, un dispositivo que, nas súas palabras, ten moito de “agasallo perfecto” para xente 3.0. Entre as súas principais novidades atópase a súa “batería non-stop”, que fornece aos usuarios de “horas e horas” de lecer. Isto faise realidade grazas á batería de 5.0000 mAh que acubilla a tableta, achegando máis de 9 horas de autonomía en modo de reprodución multimedia. En palabras da firma galega, estas características fan que sexan posíbeis xeiras intensivas de cinema “en calquera lugar e con calidade HD”.
O fabricante con sede na Tecnópole de Ourense tamén salienta a feitura do dispositivo (que ten un tamaño -de 10,1 polgadas- e unhas características moi axeitadas para permitirnos ler textos, corrixilos ou tomar notas cun punteiro), tanto por diante como pola parte traseira, onde inclúe unha achega de materia antiescorregadizo para que sexa máis doado o agarre e evitar caídas.
A Siroco Y, ademais, conta con 8GB de almacenamento interno que se poden ampliar ata 32GB cunha MicroSD, “así que poderemos carrexar todos os arquivos que queiramos e facer non haxa marxe para o aburrimento nin nas nosas viaxes nin no propio fogar”, comentan dende Primux Tech, engadindo que o aparello tamén salienta en conexión, xa que inclúe Wi-Fi para navegar pola Rede, Bluetooth para transferir arquivos entre dispositivos, HDMI para audio e vídeo, e USB 2.0 con tecnoloxía OTG para ter maior flexibilidade na xestión da interconexión con outros periféricos.

PUBLICIDADE