A galega Dismedia leva aos colexios e ás asociacións unha tecnoloxía de encerado que non cega nin proxecta sombras

luns, 8 de abril do 2013 Fernando Sarasketa

As nosas empresas e centros de investigación seguen a traballar para que ninguén, absolutamente ninguén, fique fóra das vantaxes da Sociedade da Información. Estes esforzos teñen especial valor canto menores son os orzamentos e dimensións das entidades galegas que traballan contra a fenda dixital, é o exemplo da firma Dismedia, unha pequena empresa TIC da nosa terra que abriu as súas portas no ano 2000 e que se propuxo no seu día atender ás necesidades de aprendizaxe de todo tipo de colectivos con diversidades funcionais, intelectuais ou motrices. Deste compromiso xurdiu (entre outras cousas) PSS, Pizarra Sen Sombra, unha tecnoloxía propia que ten a vantaxe de ser útil para usuarios con calquera característica de seu, abranguendo os cativos máis pequenos, persoas con problemas de mobilidade e visión, persoas maiores, etc.
A principal vantaxe é que non xera sombras nin excesos de luz que impidan a visión dos elementos que se amosan. A tecnoloxía en cuestión xa foi instalada en diversos centros públicos, sobre todo de infantil, pero tamén nas sedes de Down Galicia. Para saber máis destes novidosos encerados, falamos con José Juan Nimo, desenvolvedor de proxectos TIC do eido educativo e un dos principais responsábeis de Dismedia.
- CÓDIGO CERO: Fálenos brevemente da tecnoloxía PSS (Pizarra Sen Sombra), patentada pola empresa Dismedia, e que vantaxes pon en xogo o feito de que sexa unha pantalla que non proxecte sombra. Por que é tan importante que non achegue sombra? Poderiamos dicir que, visualmente, está máis preto dos encerados tradicionais que dos primeiros achados dixitais que vos substituíron?
- JOSÉ JUAN NIMO: A nosa PSS (patentada) é un dos moitos equipos TIC que comercializamos. Máis polo miúdo, para PSS desenvolvemos un novo sistema de proxección baseado na colocación do vídeo proxector na parte de atrás da pantalla (retroproxección), o que unido a un sistema PDi por infravermellos ou ultrasóns, dá como resultado a nosa nova PSS. Deste xeito, conseguimos proxectar a imaxe na pantalla evitando a sombra e o efecto cegador. A nosa PSS ten un triplo funcionamento:
· Emprégase como lousa clásica con rotuladores de borrado en seco.
· Emprégase como pantalla de proxección: vídeos, fotos, etc.
· Emprégase como PDi (lousa interactiva) coas mesmas utilidades que calquera outra marca.
Esta sinxela utilidade, vale para calquera tipo de alumnado e centro educativo: dende unha autoescola até a universidade. Emporiso, onde se obtén un maior aproveitamento é ao traballar con nenos pequenos (infantil), alumnos con calquera tipo de discapacidade (física, motora, intelectual, etc) ou mesmo con alumnos da terceira idade. Tamén pensamos no grupo de profesores con problemas de visión e que durante toda a súa vida profesional desexaron traballar con este tipo de equipos, xa que neste caso sofren bastante co efecto cegador do foco do vídeo proxector.
- C.C.: Comenta que a dita tecnoloxía ten un elevado potencial de uso non só para os cativos, senón tamén para persoas con problemas de mobilidade e diversidades funcionais ou motrices. Por que motivo? É por que os elementos da pantalla se poden ver máis e mellor?
- J.J.N.: É obvio que traballando con nenos ou persoas con discapacidade se obtén o uso máis axeitado. É moi molesto e difícil pór a un neno diante dunha PDi normal e ver a dificultade que ten á hora de ter que seleccionar unha icona, figura, etc. Pensemos tamén nas persoas maiores que arestora comezan a súa andaina con Internet nos centros sociais, residencias... A estas persoas, cústalles situarse perante unha pantalla e ter que esquivar a proxección da imaxe; adoitan separarse, torcer o corpo, adoptar posturas incómodas...
- C.C.: Que lles levou a traballar neste desenvolvemento? Cal era o obxectivo? Coidaban
que a chegada das novas tecnoloxías ás aulas, tal e como estaban a ser concibidas, non eran de abondo integradoras, accesíbeis e universais?
- J.J.N.: Dende hai tempo traballamos coas PDi clásicas (Smart, CalComp, Promethean, Luidia...) pero detectamos a dificultade que xera a sombra e o xa citado efecto cegador. Nun principio, o noso obxectivo dirixiuse cara á solución destes problemas pero co tempo decatámonos de que se os usuarios da PDi (alumnos) tiñan calquera tipo de discapacidade, a nosa PSS gañaba en utilidade, xa que permite a non discriminación deste segmento de alumnos.
- C.C.: Con quen están a traballar a día de hoxe: colexios galegos, colexios do exterior, algunha asociación de persoas maiores ou de persoas con diversidades funcionais ou intelectuais? A onde lles gustaría levar este desenvolvemento? Xa teñen en mente chegar ao resto de España e ao estranxeiro?
- J.J.N.: Arestora estamos a instalar equipos en centros públicos da Xunta, tamén nas Sedes de Down de toda Galicia e temos presenza nun proxecto da UDC con alumnos con parálise cerebral. Gustaríanos chegar a toda España, aínda que neste intre hai un problema de comunicación e penetración no mercado por mor da situación económica. Con relación á saída a outros países, non o descartamos xa que o prezo da PSS é sumamente económico e podería perfectamente entrar en programas educativos de países pouco desenvolvidos.
- C.C.: Teñen algunha novidade para incluír nesta vosa tecnoloxía? Algún elemento novo para ampliar a achega de contidos en aulas, centros de formación ou obradoiros?
- J.J.N.: Neste intre temos deseñada unha serie ecolóxica, fabricada a partir de panel de policarbonato (procedente da reciclaxe selectiva de CD e DVD). Asemade, estamos a tratar novos desenvolvementos para persoas con graves deficiencias visuais, mesmo persoas invidentes.
- C.C.: As vosas pantallas tamén teñen potencial en congresos e exposicións de presentacións
de empresas?
- J.J.N.: Por suposto que si. Fabricamos na Coruña a medida. Dicir que o lado da nosa PSS pode chegar a medir arredor de 2,7 metros.
- C.C.: Falamos agora de Dismedia. Cales son os seus obxectivos, onde lle gustaría estar o día de mañá...?
- J.J.N.: Dismedia é unha consultora TIC centrada na educación. Asesoramos a profesionais da educación e proxectamos aulas con TIC: instalación, orientación, equipamento, contidos dixitais, etc. Somos unha pequena empresa familiar que vén traballando neste eido dende hai máis de 12 anos. Creo poder dicir que fomos os pioneiros en Galicia, en canto á achega de PDi ás aulas, aínda que o fixemos na medida da nosa capacidade, xa que tivemos que competir con grandes empresas ás cales as institucións contratan normalmente. Por último, facer fincapé na nosa especial atención ao sinxelo; o noso lema de facer útil e práctico o sinxelo. Fomos inventores do elemental, que tamén é moi interesante.

PUBLICIDADE