A fibra avanzada de R xa está dispoñíbel para 760 empresas e fogares do Rosal

luns, 9 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

O concello pontevedrés de O Rosal engadiuse á rede de municipios galegos que gozan das redes ultrarrápidas de Internet a través de fibra óptica (tecnoloxía FTTH de última xeración) que subministra a compañía galega R. O afianzamento destes equipamentos no Rosal supón a dispoñibilidade de accesos de vangarda (con servizos avanzados de teléfono, Internet de alta velocidade con 500 Mbps simétricos e televisión dixital multicanle de R) para 670 fogares e empresas do núcleo de O Calvario e unhas 90 para o de Couso. A estas unidades (760 en total) engadiráselles en breve (calcúlase que en xaneiro) outros 450 inmóbeis máis. En total, 1.200 residencias particulares e sedes empresariais conectadas co comezo do ano.
Segundo explica a compañía galega de cable, os traballos realizados no concello pontevedrés tentaron tirar o máximo proveito das infraestruturas previamente existentes.
O fornecemento de fibra no Rosal abéiranse ao Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Economía e Empresa, do que R foi adxudicataria en 2016 para despregar FTTH (fibra até o edificio) nas chamadas “zonas brancas”, é dicir, as que nunca dispuxeran de accesos de alta velocidade até este momento.
Xunto co da provincia de Pontevedra, o operador galego conseguiu tamén a adxudicación doutros dous proxectos; un, para as provincias de Lugo e Ourense e outro para a da Coruña. En total, os tres proxectos supoñen un investimento de preto de 8 millóns de euros, dos que 4,3 son subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea, a través do Programa de Extensión de la Banda Ancha de Nueva Generación (PEBA-Plan Avanza) do Ministerio de Economía e Empresa. Só na provincia de Pontevedra o investimento total rolda os 3,35 millóns de euros, dos cales 1,84 proceden dos fondos europeos.
R engadiu que cando se completen os traballos de despregue nas catro provincias galegas, arredor de 33.000 fogares e empresas destas “zonas brancas” formarán parte do millón longo de fogares e negocios que a día de hoxe están en disposición de recibir os servizos avanzados de R en Galicia.

PUBLICIDADE