A feira científica Galiciencia celebrarase a partir do 26 de maio

martes, 25 de maio do 2021 Sandra Rivadulla

A feira científica Galiciencia celebrarase durante os vindeiros tres días: 26, 27 e 28 de maio. Esta iniciativa está promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) desde 2006 e busca espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Ademais, a feira conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e coa Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT).
O lema desta 16 º edición, A innovación Pos-COVID a través da revolución do talento, xa deixa entrever que a feira será online debido á actual situación sanitaria. Así, nesta edición participarán un total de 7.588 rapaces, dos que 7.302 serán galegos e o resto de fóra. Isto supón un récord de participación con respecto aos anos anteriores. Concretamente, a provincia de Pontevedra terá 3.171 participantes, mentres que na da Coruña haberá 2.044, na de Ourense 1.338 e na de Lugo 749. Doutra banda, os participantes que non son da comunidade, proveñen de Baleares e Biscaia.
O primeiro evento co que arrancará Galiciencia será “O mundo e as pandemias”, un espectáculo de ciencia, que durará unha hora, ata as 11: 30 horas. Neste acto proporase unha experiencia dinámica e interactiva dirixida a estudantes de Secundaria. Por outra parte, realizarase unha aproximación á historia das grandes pandemias, as súas orixes e o efecto sobre a humanidade, ademais de incidir na importancia da ciencia e a tecnoloxía para lograr unha solución á actual pandemia da COVID-19.
Para os interesados nos concursos, cómpre mencionar que, nesta edición, os proxectos poderán visualizarse na páxina web www.galiciencia.online. Deste modo, os participantes poderán optar a un primeiro premio, dotado con 1.000 euros, para financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, Exporecerca; un segundo premio de 500 €, que permitirá asistir á Zientzia Azoka, a feira de ciencia que ten lugar cada ano en Bilbao; ou un terceiro premio, dotado con 200 €, para poder participar no programa de actividades organizadas polos Museos Científicos Coruñeses con motivo da Semana da Ciencia. A maiores, haberá un premio para o mellor proxecto liderado por unha rapaza ou cuxa temática estea relacionada con iniciativas que contribúan á igualdade de xénero na contorna da I+D+I. Premiarase tamén o proxecto coa mellor comunicación e presentación oral, o proxecto máis innovador e o proxecto coa mellor valoración popular. En canto aos gañadores do concurso de fotografía, estes poderán contactar a través de Instagram.

PUBLICIDADE