A feira 3GSM acolle a presentación do Readius, o gadget con pantalla flexible

martes, 13 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

Denantes de calquera outra cousa, cómpre aclarar este punto: non estamos na feira 3GSM e todo o que podemos escribir sobre esta xuntanza de adoración rendida ó móbil vén a través do filtro doutros ollos e outras orellas. Algunhas das cousas que vemos non nos chaman a atención (se as víramos na propia feira de Barcelona, botaríamos un gran bocexo), pero outras si, se cadra polo factor innovación: esa capacidade que teñen certas persoas de ofrecer cousas en aparencia distintas, aínda que no fondo sexan a borralla de sempre. O aparello chamado Readius (presentado oficialmente estes días en Barna) entra dentro destes gadgets que nos están a entrar ben polo ollo.
Trátase dun trebello con pantalla flexible e encartable (mesmo se pode enlear coma un gran pito feito a man) e que está desenvolvido pola firma PolymerVision da casa Philips. A pantalla, que aínda é monocromática pero ofrece niveis moderadamente bos de brillo e contraste, semella ter capacidades abondas para ser unha boa substituta do papel.
Para todos aqueles que a estas alturas se estean a preguntar xa para que raio serve este gadget, diremos que vai encamiñado a converterse nun soporte para gardar e ler libros, arquivos de texto ou de imaxe, correos electrónicos ou contactos. Algo así como unha mestura entre unha axenda e un computador portátil e que ten o valor engadido de ser en si mesmo unha (en aparencia) cómoda folla de papel electrónico na que se poden ler documentos. Hai quen di que a través deste tipo de aparellos van vir as revistas e os libros do futuro, sobre todo se somos persoas que andamos de aquí para alá e non nos apetece romper a columna vertebral con máis libros dos necesarios.
Este gadget en cuestión segue a liña das navallas multiusos: pode reproducir música, audiolibros e podcasts, ten conectividade USB, mínimo de 4 xigabytes e baterías que poden estar dez días sen seren recargadas. Estas son as súas medidas: 100 mm x 55.6 mm x 21 mm. Pesa 150 gramos. Vímolo en Tecnochica.

PUBLICIDADE