A exposición AI: More than Human pecha con grande éxito

luns, 6 de febreiro do 2023 Redacción

Dende inicios do mes de decembro, e especialmente durante todo o mes de xaneiro, a sede de Afundación na Coruña recibiu cada día máis de 190 persoas para visitar a exposición AI: More than Human ratificando o interese da poboación da Coruña e Galicia pola revolución da intelixencia artificial, un fito tecnolóxico que xera importantes oportunidades para Galicia tras a designación da Coruña como sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA).
A exposición, inaugurada o 5 de setembro de 2022 e seguramente a mostra sobre Intelixencia Artificial (IA) máis importante nunca celebrada en Europa, despídese da cidade hoxe mesmo tras recibir máis de 20.000 visitantes, moi por encima do máximo previsto. Así, dada a complexidade dos contidos e temáticas tratados, no deseño dos percorridos, primouse a calidade da experiencia do visitante, cunha media de permanencia dunha hora e media.
Creada polo Barbican Centre de Londres (Reino Unido) e coproducida polo Forum Groningen (Países Baixos), a exposición AI: More than Human, de gran formato, aproxima ao visitante ás orixes, o presente e o futuro da Intelixencia Artificial. Un percorrido polos retos e as oportunidades que a intelixencia artificial expón ao ser humano, comezando nas súas antigas raíces ancoradas no sintoísmo xaponés e os primeiros experimentos de Ada Lovelace e Charles Babbage no campo da informática, ata os grandes desenvolvementos realizados desde a década de 1940 ata a actualidade.
Ao redor da exposición organizáronse actividades paralelas: un ciclo de cinema, un ciclo de conferencias de dous meses de duración que atraeu á Coruña a algúns dos principais expertos en intelixencia artificial de España e Europa, e unha xornada de traballo sobre música creada por máquinas intelixentes.
Para facilitar unha mellor aproximación aos contidos da exposición, que se repartiron polos cinco andares da sede de Afundación na Coruña, o equipo da Obra Social de ABANCA puxo en marcha un completo programa de visitas guiadas para todos os públicos. E resultou ser un éxito. As entradas para esta opción esgotáronse a mediados de xaneiro.
Cuns programas didácticos, adaptados a todas as idades, a área Educativa de Afundación preparou un percorrido pola mostra de maneira que os participantes en cada unha das visitas puidesen contextualizar desde a base histórica dos principios da intelixencia artificial, ata os desenvolvementos posteriores que, hoxe en día, teñen un impacto profundo na nosa vida diaria e no deseño dun futuro non moi afastado. Con lista de espera para os centros educativos xa desde o mes de decembro, case 5.000 escolares puideron coñecer AI: More than Human. Da man dun equipo de especialistas visitaron unha exposición na que gozaron especialmente da presenza do can Aibo, dotado de intelixencia artificial.

PUBLICIDADE