A empresa Ensino Formación incorpórase como socia de Ineo

xoves, 5 de novembro do 2009 Raquel Noya

Ensino Formación, unha empresa galega con sede en Santiago de Compostela que, de maneira directa, participa anualmente na xestión da formación de máis de 1500 alumnos e alumnas de toda Galicia, vén de incorporarse ás filas de Ineo, o referente do sector TIC no noso país, co que vai colaborar activamente en prol das novas tecnoloxías aplicadas á formación e ao ensino.
Trátase dunha entidade do ámbito da formación e da consultoría que conta con máis de 400 metros cadrados de aulas espalladas por toda Galicia, nas cales reciben formación presencial e directa máis de 300 alumnos e alumnas.
Ensino Formación mantén desde o ano 2002 presenza nas catro provincias galegas e desde 2006 mesmo noutras rexións de España, realizando unha constante revisión da súa estratexia de negocio e das necesidades formativas locais.
A empresa caracterizouse por unha constante preocupación pola formación do traballador, mesmo antes da incorporación ao mercado laboral da figura da formación continua concertada, deseñando, organizando e impartindo cursos profesionais para Asociacións locais e provinciais, destacando os realizados para o sector de oficinas e comercio, pero con dilatada experiencia tamén en hostalaría e industria.
Agora, esta empresa, que foi un dos primeiros centros privados de España en incorporar Internet como obxectivo estratéxico, vén de sumar forzas con Ineo, para, a partir desta asociación traballar xunto con outras empresas mellorar a competitividade e a innovación baseándose no emprego das tecnoloxías.

PUBLICIDADE