A edición virtual da Maker Faire Galicia rompeu moldes de internacionalización

luns, 23 de novembro do 2020 S. P.

Participantes na mesa inaugural da feira tecnolóxico-argalleira galega

Do 18 ó 22 de novembro celebrouse online unha das feiras de tecnoloxías libres e participativas máis importantes do panorama estatal e europeo, a Maker Faire Galicia, que, por mor da COVID e co obxectivo de garantir ao máximo a seguridade sanitaria, desenvolveuse nun escenario virtual que recreaba, polo miúdo, o emprazamento habitual do evento: o Museo Gaiás da Cidade da Cultura. As entidades organizadoras da feira (VermisLab co apoio da Xunta e o Concello de Santiago, entre outras entidades) salientaron “o relevante chimpo internacional desta edición”, unha convocatoria na que se tentou converter en oportunidade de máxima participación o que a priori presentábase como un obstáculo (as restricións motivadas pola COVID).
De feito, segundo sinalaron dende a organización, máis da metade dos visitantes procederon de latinoamérica, sobre todo de países como Arxentina, Brasil, Colombia ou México. Ademais, foi moi relevante o número de competicións que acubillou o evento, tanto nas xornadas da industria, como na educativa ou nas abertas, nas que destacaron tanto o nivel dos proxectos presentados como a posta en escena.
Na competición de proxectos das xornadas de industria conseguiu o primeiro premio José Gago, estudante de Medicina na USC, que participaba co proxecto Bactidec, un dispositivo para detectar bacterias en tempo real en quirófanos, co que tamén gañou o último programa Explorer do Banco Santander.
O segundo premio foi para Iria Ollero e o seu proxecto Wave & Pain e en terceiro lugar foi para Alberto Alvarellos, que presentou un dispositivo para medir a concentración de radón.
Durante a xornada educativa, chegaron á final da competición de proxectos 10 centros de Galicia e Portugal, que participaron en dúas categorías, makers e minimakers. O proxecto gañador na primeira das modalidades foi para o IES Maximino Romero de Lema, co proxecto Transformación dixital durante a COVID, que puxo en xogo diferentes medidas para reducir o risco de contaxio do COVID nos centros educativos.
Na categoría minimakers o gañador foi o Club de ciencias do CEIP Ponte dos Brozos, co proxecto Desplastifícate, que une o uso da tecnoloxía e o fomento da conciencia ambiental creando espazos virtuais que semellan contornas naturais contaminadas.

Participantes na sesión virtual de pitching

Por último, durante as xornadas abertas entregáronse os premios do público nas categorías minimakers, makers e divulgación. Na primeira das categorías recibiu o terceiro premio Kid’’s Kitcar, diseña, construye, compite; o segundo Ergonomik; e o primeiro premio foi para Watch-up room.
Na categoría maker o terceiro premio foi para ACO Robots; o segundo para Art&Technology; e o primeiro foi para Fabricación de aeronaves a escala. Por último, na categoría de divulgación, o terceiro galardón recaeu en Estación para el control de la calidad de aguas de ríos; o segundo para TIC en 3D; e o primeiro premio foi para Neurotech Galicia.
Na xornada do sábado tamén se entregaron dous premios cuxos retos lanzáronse durante a xornada educativa, a Game Maker Jam (competición para a creación de videoxogos express), que foi para Pitafarm e o Escornathon (competición para deseñar fichas de programación para o escornabot). Ademais destes recoñecementos, tamén se desvelou a identidade do maker de mérito, que entrega a organización todos os anos a aqueles/as que axudan de maneira significativa ó movemento maker. Este ano foi a parar a toda a comunidade maker polo “seu traballo incansábel durante os peores momentos da crise sanitaria derivada do COVID-19”, e recolleu o premio o galego Álvaro Rey de Makergal, en representación de todo o colectivo argalleiro.
Sinalar tamén que a organización deixará os contidos en aberto na plataforma do evento durante todo o ano, achegándonos así a posibilidade de volver a desfrutar da experiencia e chegando a moito máis público a nivel mundial.

PUBLICIDADE