A edición Xogo do Ano de The Witcher 3 sairá á venda o día 30

xoves, 11 de agosto do 2016 Marcus Fernández

CD Projekt Red anunciou que o vindeiro día 30 lanzará para PC, Xbox One e PlayStation 4 a edición Xogo do Ano de The Witcher 3: Wild Hunt, que incluirá o xogo The Witcher 3 cos seus dous packs de expansión (Hearts of Stone e Blood and Wine) así como o resto de contidos descargables que foron saíndo nos últimos meses, o que supón unha grande oportunidade para os xogadores que aínda non gozaran deste grande título de mundo aberto que ofrece máis de 150 horas de aventuras como o cazador de monstros profesional Geralt de Rivia.
O xogo inicial xa está considerado toda unha obra mestra, que gañou o cualificativo de Xogo do Ano en máis de 250 ocasións, pero as dúas expansións que saíron posteriormente ao seu lanzamento en 2015 son igualmente aventuras completas, moi ricas, que ofrecen novos territorios a explorar, narran novas historias moi completas, e fan que o mundo de Geralt se amplíe enormemente, mantendo o interese do xogador durante moitas horas de xogo, en contraste co que acontece con moitos xogos de nova xeración.

Vídeo de presentación da edición Xogo do Ano de The Witcher 3: Wild Hunt

PUBLICIDADE