A directora da ESEI de Ourense salienta que tralos éxitos da Escola atópase a implicación de todo o profesorado

mércores, 17 de decembro do 2014 Fernando Sarasketa

Segundo un informe recente publicado polo Ministerio de Educación, a Escola Superior de Enxeñaría en Informática do Campus de Ourense, Universidade de Vigo, figura no posto 39 de 70 na listaxe de carreiras (por universidades) con meirande taxa de emprego, sendo a única galega e por enriba dun bo número de centros de prestixio e renome. Resultado: o centro é hoxe en día un referente estatal en materia de ensino universitario do ámbito da Enxeñaría Informática. Segundo o devandito informe, a Escola ostenta unha porcentaxe do 90,5% de estudantes titulados con traballo trala obtención de cadanseu título, partindo dunha base de 42 licenciados. Para Ana Garriga, directora da Escola Superior de Enxeñaría en Informática de Ourense (ESEI), os éxitos acadados polo centro non son debidos a unha única causa. Para comezar, está o deseño dos títulos. Pero hai moito máis: unha positiva conxunción de factores que derivan, entre outras cousas, nun encomiábel traballo en equipo.
A isto cómpre engadir que se teña acadado unha escola que mira ao seu arredor, que ten estreitas relacións coa súa contorna. Segundo nos lembra Ana Garriga, a ESEI está moi próxima ao ámbito empresarial galego.
-O feito de que a ESEI de Ourense estea entre as 40 escolas ou universidades con meirande taxa de emprego en relación a estudantes acabados de titular, a que cre que se debe? Débese á propia natureza das titulacións que se imparten ou débese á calidade do profesorado e os esforzos despregados pola dirección do centro para acadar o máximo prestixio no panorama docente estatal?
-Como ben sinalas, a ESEI atópase moi ben situada nos listados sobre nivel de empregabilidade. Somos os primeiros da Universidade de Vigo e do Sistema Universitario Galego en calquera titulación. No informe publicado por El País, elaborado sobre datos do Ministerio hai unhas semanas e en relación ao ámbito da Enxeñaría informática, a ESEI aparece en sexto lugar entre todas as universidades españolas. Na nosa opinión, o deseño dos títulos é sen dúbida unha das razóns do éxito acadado, pero non é menos importante o papel e a implicación de todo o profesorado. Dende a dirección do centro tamén tratamos de facer todo o posible neste tema, mantendo reunións periódicas coas empresas e colexios profesionais e acabamos de obter a certificación no sistema de garantía interno de calidade, o que supón o compromiso da ESEI coa mellora continua tanto dos títulos que se imparten como da calidade da docencia.
-Imaxinamos que tralos éxitos actuais da ESEI houbo moito traballo detrás. Como se consegue sobresaír entre tanta competencia?
-Evidentemente con moito traballo e compromiso. Débese salientar que contamos cun profesorado de xente nova, con ilusión e moi próximo ao mundo empresarial. Por outra banda, cando se fixo o plano de estudos déuselle forma a unha comisión na que participaron representantes das principais empresas galegas do sector, así como dos colexios profesionais. Ademais, complementamos o currículo básico dos nosos estudantes cunha moi completa oferta de contidos adicionais a través da organización de xornadas, cursos, conferencias e outras actividades formativas como os ESEI dojos. Estes últimos, que teñen moitísimo éxito entre o noso alumnado, son obradoiros prácticos dunhas poucas horas sobre tecnoloxías vangardistas moi concretas.
-Por que cre vostede que existe tal demanda de (en xeral) profesionais da informática? Cre que é unha proba palpábel de que estamos ante unha das profesionais actuais de meirande proxección de futuro?
-Como cada vez é máis coñecido pola sociedade en xeral, a tecnoloxía informática atópase presente en todos os ámbitos económicos, produtivos, de lecer, comunicación, etc. Dende unha explotación gandeira até una rede social, practicamente calquera actividade é susceptible de incorporar unha ferramenta informática. Sen dúbida algunha é una profesión con grandísimas expectativas de futuro. Cada día aparecen novas ideas de aplicación da informática polo que é difícil saber onde está o límite.
-Até que punto é positiva a actividade de contratación de novos profesionais TIC, tanto para a economía como para a sociedade en xeral? A nova xeración de traballadores da informática é a xeración que rematará coa crise?
-A todas luces resulta positivo que exista un sector no que o nivel de empregabilidade sexa alto. Ademais, os nosos titulados son xente nova que atopa traballo fronte a maioría dos mozos que acaban de obter o título e que teñen una alta taxa de desempregabilidade ou que non traballan no seu ámbito. Sen dúbida as boas perspectivas laborais do sector contribuirán a mellorar a situación económica, pero non parece probable que sexa suficiente para rematar coa crise.
-Cales son os planes de futuro da ESEI, a medio e longo prazo?
-Continuar cos procesos de mellora continua das titulacións que ofertamos e traballar para acadar novos selos de calidade, que nos permitan amosar aos grupos de interese a seriedade e rigor co que tentamos realizar cada día o noso labor dentro de unha universidade pública.
-Existe algunha liña de actividade dentro da escola para contrarrestar a escasa presenza das rapazas nas titulacións e estudos relacionados coa informática?
-Actualmente contamos cun membro do equipo directivo que realiza funcións de enlace de igualdade, xa que este e un tema co que temos un gran compromiso e que nos preocupa. Estamos a traballar na realización dun estudio mediante enquisas e entrevistas cos grupos de interese para tratar de determinar as causas dunha porcentaxe tan baixa de alumnas, que por outra parte correspóndese coa media nas enxeñarías. Nas nosas presentacións do grao nos institutos de ensinanza secundaria procuramos animar ás rapazas a que cursen estudos en informática mostrando exemplos de mulleres enxeñeiras en informática e que son referentes e transmitímoslles que contamos con elas xa que teñen un gran papel que desenvolver neste eido.

PUBLICIDADE