A directora Carmen PG Granxeiro estrea na web, de balde, o seu último documental

mércores, 25 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

As páxinas web do noso colectivo audiovisual estanse a converter en puntos de apoio en tempos de confinamento e crise pandémica. Por exemplo a da directora lucense Carmen PG Granxeiro, que dende o venres 27 até o domingo 29, ambos inclusive, vai achegar de balde o seu documental Un día Normal, estreado no The 7th Art Festival de Miami e en Lugo o 28 de novembro na sala de proxeccións da Deputación de Lugo, con parte das súas protagonistas. O audiovisual, que ía proxectarse tamén en A Sacabeira de Cervo este sábado 28, tamén estará accesíbel dende as redes sociais. É un documental para todos públicos.
Segundo fai saber a directora, “trátase dunha pequena achega cultural para estes días de corentena”, unha contribución que se completa coa totalidade da súa obra, accesíbel de xeito gratuíto dende a devandita web: escritos, ilustracións, fotografías ou vídeos. O documental, cuxa versión orixinal é en galego e español, será ofrecido tamén con subtítulos en español e en inglés.

Tráiler do documental

PUBLICIDADE