A crise sanitaria axudou ás novas xeracións a sacar mellor partido das TIC e tamén a desconectar

mércores, 4 de agosto do 2021 S. P.

Logo da pandemia, a relación coas novas tecnoloxías cambiou para sempre, estreitándose (sobre todo por motivos de lecer, traballo e docencia, tres ámbitos que nos esixiron máis ca nunca estar e vivir en liña) e tamén mellorando os termos da relación en algúns aspectos. Por exemplo á hora de sacar proveito das novas ferramentas (Internet, redes sociais, dispositivos), unha vertente na que os usuarios máis novos recoñeceron ter avanzado. Ou sexa, que os mozos deron pasos en materia de uso racional, de utilidade e de seren quen de separar o gran da palla. E tamén de saber desconectar.
Son algunhas das conclusións do estudo Barómetro Jóvenes y Tecnología 2021. Trabajo, estudios y prácticas en la incertidumbre pandémica, unha investigación do Centro Reina Sofía sobre Adolescencia e Xuventude de Fad, financiada por Google e realizada a través de 1.200 enquisas a xoves entre 15 e 29 años. Segundo os datos principais guindados pola investigación (compartidos ao detalle pola Asociacion Renacer, con sede en Ribeira) a pandemia da COVID-19 afectou de xeito significativo á percepción e valoración que os/as xoves fan da tecnoloxía, debido a importancia das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) na súa vida cotiá durante este período: un 47,4% dos/as xoves españois entre 15 e 29 anos valora máis ca antes o tempo de desconexión de Internet e redes sociais. E algo máis dun terzo (37,1%) tamén destaca que aproveita mellor o seu tempo na Rede dende a chegada da pandemia.
O 57,1% sostén que a tecnoloxía contribúe claramente a mellorar a calidade de vida das persoas, “o que supón un aumento de 7,4 puntos con respecto ó 2020”. Ademais, a gran maioría (o 71% das persoas enquisadas) cren que teñen competencias dixitais elevadas e o 88,2% actúa como mediador experto para apoiar ó seu entorno social no emprego do uso de Internet e TIC.

PUBLICIDADE