A contribución da Rede ao PIB nacional será de 63.000 millóns en 2015

xoves, 28 de abril do 2011 Raquel Noya

Se hai algunha compañía á que lle interese o futuro de Internet (sobre todo o futuro do mercado que se ten formado en torno a Internet) esa é Google, a firma norteamericana que grazas ao seu amplo abano de servizos online que ofrece, ten o negocio asegurado por moitos anos. Para asesorarse ben de cales son as previsións de futuro, o xigante americano encargoulle un informe a The Boston Consulting Group, que revelou que a contribución económica de Internet ao Produto Interior Bruto (PIB) “chegará aos 63.000 millóns de euros en 2015”, o que suporá, segundo o estudo, “multiplicar por 2,7 os 23.400 que se rexistraron en 2009”. Este informe tamén analiza por primeira vez a contribución de Internet ao PIB español e revela que en 2009 aportou o 2,2 por cento do total con 23.400 millóns de euros. A contribución de Internet ao consumo privado dos fogares doi de 14.000 millóns de euros, dos cales 8.900 foron de comercio electrónico e 3.500 de acceso á Rede.
Este apartado de consumo privado é o que máis vai medrar ata o ano 2015, que superará os 15.000 millóns de euros.
Entre outras cousas, das que se fai eco o xornal dixital Cibersur, o informe sinala que a participación de Internet no gasto e investimentos públicos acadou os 5.900 millóns de euros o pasado ano, e que chegará aos 7.000 en 2015.
A consultora, que fixo a enquisa entre pequenas e medianas empresas, conclúe o seu informe argumentando que “este tipo de empresas consideran que Internet permítelles ampliar o seu negocio a outras áreas xeográficas”.
De feito, do estudo tamén se extrae que “as empresas con menos de 250 traballadores aportan máis do 75 por cento do emprego privado en España e máis do 65 por cento do PIB”, daí a importancia que ten que as PEMES estén presentes na Rede.

PUBLICIDADE