A consola retro Atari VCS sae á venda nos EE.UU.

mércores, 16 de xuño do 2021 Marcus Fernández

Dende 2017 están a traballar para devolver ao mercado das consolas de videoxogos a marca Atari, o que levou á creación dunha campaña de micromecenado en 2018 para financiar a creación da Atari VCS, unha especie de híbrido entre ordenador persoal e consola que adoptando a estética da Atari 2600 prometía achegar xogos clásicos e novos, proposta nostálxica que conseguiu convencer a máis de 11 mil mecenas que xuntaron máis de 2,5 millóns de euros en pedidos anticipados para que este proxecto puidese chegar a un produto real, que por fin chega ao mercado.
A Atari VCS pode encargarse na súa páxina web oficial, en tendas das cadeas Best Buy e Micro Center, e, en breve, tamén en Gamestop, sendo o prezo da consola na súa versión máis básica de 299,99 dólares, mentres que con seus mandos e nun acabado en madeira véndese por 399,99 dólares, prezo que parece extraordinariamente elevado para unha consola retro, xa que é o que custa actualmente unha PlayStation 5 sen lector de discos.
Esta nova máquina vén a ser un equipo cun procesador AMD Ryzen, 8 GB de RAM e almacenamento ampliable (só trae 32 GB de almacenamento integrado), que pode empregarse como unha consola Atari VCS que integra un cento de xogos clásicos de consola e máquinas recreativas, contando cun modo PC para poder abrila a moito máis software, de xeito que podería servir para correr emuladores ou incluso plataformas de xogo mediante streaming.
Poderiamos dicir que estamos simplemente ante un pequeno ordenador persoal, moi básico, cunha estética curiosa, que algúns adquirirán por simple nostalxia, parecendo bastante absurda a súa compra ao seu prezo de lanzamento.

PUBLICIDADE