A consola portátil baseada no ZX Spectrum podería ver a luz en poucas semanas

luns, 5 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

A finais de 2016 os responsables do proxecto de micromecenado que quería facer posible a consola portátil ZX Spectrum Vega+ recoñeceu o adiamento do produto que tería que terse entregado aos mecenas en setembro de 2016, asegurando que vería a luz en febreiro de 2017, pero estamos a un ano de tal data, é as consolas inspiras no Spectrum que terían que distribuírse cun milleiro de xogos precargados continúan sen ser unha realidade, o que levou a que os seus responsables veñan de dar sinais de vida, xa que dende Indiegogo ameazaron con expulsalos da plataforma, o que suporía que reclamarían as 512.790 libras esterlinas recadadas.
Agora aseguran que as primeiras unidades da consola Vega+ comezarán a enviarse aos mecenas en abril de 2018, aínda que sen concretar canto tardarán en rematar os envíos, o que semella unha resolución in extremis, xa que segundo declaracións de Indiegogo á BBC a plataforma de micromecenado esixe completar o proxecto antes do remate do mes de maio.
O problema desta campaña de micromecenado non son os retrasos, senón que a compañía promotora, Retro Computers Ltd., foi moi pouco transparente, sen publicar actualizacións durante meses ante a desesperación dos mecenas que pretendían ter un produto retro hai moitos meses, e que continúan a non ter a certeza de que o produto vexa a luz. Neste tempo os promotores do proxecto gañáronse a ira dos mecenas, que están a reaccionar moi mal ante os adiamentos tan mal xustificados, de xeito que incluso teñen que manter en segredo aos socios que teñen en Reino Unido para protexelos do acoso aos que poderían ser sometidos.
Lembremos que, ao igual que en España, en Reino Unido o Spectrum foi un ordenador que marcou a toda unha xeración, sendo a porta de entrada para moitos á informática e aos videoxogos, polo que hai nostálxicos que se toman o acontecido con Vega+ como algo persoal.

PUBLICIDADE