A consola portátil GP2X Wiz chega a España

martes, 19 de maio do 2009 Marcus Fernández

A consola portátil GP2X xa ten unha nova sucesora, é a GP2X Wiz, que nestes días está a chegar a algunhas tendas españolas, pois este tipo de trebellos goza de certo éxito en Europa, xa que aparte de funcións multimedia e a execución de xogos nativos, destaca especialmente por contar cun longo catálogo de emuladores para poder botar partidas a vellos xogos de máquinas recreativas ou ordenadores e consolas de hai uns cantos anos, rememorando os gloriosos títulos da época dos 8 e 16 bits.
A GP2X Wiz conta cun procesador ARM9 a 533 MHz (acepta overclocking) con aceleración 3D, 64 MB de RAM, 1 Gb de memoria Flash, lector de tarxetas SD/SDHC, conector USB 2.0, pantalla táctil AMOLED de 320 x 240 píxeles, micrófono, altofalantes, batería de 2.000 mAh (que permite unha autonomía dunhas 5 horas) e mesmo con saída de televisión.
Esta consola portátil inclúe un stylus e está baseada en GNU/Linux, o que facilita a adaptación de xogos libres e emuladores para esta plataforma. Pode reproducir música en MP3, WAV e OGG Vorbis e vídeos en MPEG-4, XviD, DivX con soporte de subtítulos, permite visualizar fotografías e tamén funciona como gravadora de voz. Tamén é capaz de executar ficheiros Flash ata a versión 7.0. Mide 121 x 61 x 18 milímetros, pesa 136 gramos con batería e o seu prezo de venda é de 149,95 euros, de xeito que o ten difícil para facer fronte a unha PSP ou a unha NIntendo DS no que a prezo se refire, aínda que está orientada a un público distinto (principalmente a afeccionados aos xogos retro), o que permite que poidan manterse no mercado produtos deste tipo.

PUBLICIDADE