A comunidade investigadora en datos a gran escala xúntase a semana vindeira no CITIC

luns, 14 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

JPEG - 59.4 KB
Exterior do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña, o CITIC

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) acollerá os días 21 e 22 de outubro a quinta edición do evento internacional Big Data Coruña, organizado por Amparo Alonso-Betanzos (presidenta da Asociación Española para a Intelixencia Artificial e, tamén, catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da UDC, amais de investigadora do CITIC), e David Martínez (investigador da área Big Data da University College London, UCL, e director da área de investigación de Spartan Data). O foro será un importante espazo de debate e divulgación arredor dunha das grandes tecnoloxías do noso tempo: a información a gran escala e os recursos de avaliación e cómputo que lle extraen utilidade.
O evento reunirá relatores de nivel internacional en tecnoloxía e analítica de datos co obxectivo de “profundar nos novos retos que afronta esta disciplina na actualidade, ademais de proporcionar coñecemento e adestramento nas ferramentas imprescindíbeis na área”, informa o CITIC, poñendo o foco no amplo abano de contornas onde ten aplicación o Big Data, non só na comunidade universitaria senón en materia de grandes avances tecnolóxicos, médicos ou empresariais.
A asistencia ao evento é gratuíta para a comunidade universitaria, e o custo para os que non son membros da comunidade universitaria é de 150 euros. As inscricións para asistir ao evento están abertas até o día 18 de outubro. Quen queira máis datos e consultar o programa completo do encontro pode facelo a través da páxina web do CITIC.

PUBLICIDADE