A comunidade galega Redelibros presenta o seu catálogo de outono

xoves, 25 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

A rede social galega do libro, Redelibros, vén de presentar o seu catálogo de obras para esta tempada de outono, unha escolma dispoñíbel para ver en liña ou para descargar (pdf) e que pon de manifesto a boa marcha da comunidade, que arestora conta xa con dous anos de experiencia (con festa de aniversario incluída, prevista para o vindeiro venres 9 de novembro) e dando acubillo a novas experiencias como a aplicación da técnica do crowdfounding para a publicación de novas obras ou a convocatoria de premios a relatos.
Como lembraremos, o funcionamento desta rede 2.0 galego, de cara ás usuarias e os usuarios, é o seguinte: trátase dunha rede aberta, de balde, na que calquera pode entrar en participar, sendo esta participación, a maiores, fundamental para o desenvolvemento da propia web, que se constrúe entre todas e todos co engadido constante de títulos e de datos de títulos que xa están na base de datos. A web xorde na nosa pantalla co galego como lingua por defecto, pero tamén se pode visitar en castelán e en inglés. A base de datos inclúe tanto títulos en castelán como títulos en galego. Tras o proxecto atópase un máis que completo colectivo de librarías, editoriais e seareiros da lectura.

PUBLICIDADE