A comunidade da UVigo convértese en creadora de deseños de impresión 3D

xoves, 8 de novembro do 2018 Redacción

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acolle estes días (até decembro) un curso que pon á comunidade universitaria ao tanto das últimas novidades en impresión 3D, en palabras da organización “un eido de moitas posibilidades, agora que se espallan e se afianzan plataformas de software libre que permiten empregar deseños novos ou adaptar creacións xa existentes, ou mesmo replicar unha impresora, elaborar prototipos ou reparar equipamentos”. Trátase do curso Iniciación á impresión 3D con materiais innovadores, que conta coa presenza (impartindo teoría e, sobre todo, práctica) dos técnicos da UVigo Vicente López Díaz, Txapu, e José Manuel Rodríguez.
O obradoiro, que dá continuidade a experiencias formativas anteriores, pon o foco en cuestións como a evolución vivida nos últimos anos no eido da impresión tridimensional, “xa que hai un anos basicamente traballabas con dous tipos de filamento e agora existen moitos máis materiais, como filamentos con partículas metálicas ou filamentos imitando a madeira”, salientan os responsábeis do taller, que ten como primeiro obxectivo “que o alumnado lle vaia perdendo o medo a esta tecnoloxía a través dunha abordaxe fundamentalmente práctica”, que abrangue desde probar como funcionan os distintos materiais ao manexo de plataformas nas que descargar ou modificar deseños xa realizados para impresoras 3D ou a preparación de deseños propios.
Este curso de iniciación ao 3D forma parte da oferta de obradoiros impulsada polo primeiro cuadrimestre pola Vicerreitoría do Campus, que recentemente impulsaba tamén, ao abeiro do Campus Crea, cinco novos talleres, de balde e abertos ao conxunto da comunidade universitaria. Tres deles, o Obradoiro práctico de cociña saudábel para cerebros ocupados, o Curso de iniciación a robótica educativa e o taller Fab-Lab no campo expandido. Planificar-construír manteñen aberto até hoxe o período de inscrición, existindo tamén prazas vacantes tanto no curso O viño: ciencia, cultura e territorio, que se desenvolverá os días 15, 19 e 22 na Casa das Campás e no Pazo de Mugartegui, como no taller A gamificación como ferramenta de innovación e motivación na aula, que se desenvolverá do 22 ao 30 de novembro na Aula Tecnolóxica da Vicerreitoría.

PUBLICIDADE