A compra de Activision Blizzard por parte de Microsoft está máis preto de aprobarse

xoves, 2 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Hai algo máis dun ano Microsoft acordou a compra de Activision Blizzard por 68.700 millóns de dólares en efectivo, quedando a operación pendente da aprobación dos organismos reguladores, e aínda que inicialmente parecía que a compra ía pecharse sen problemas, Sony fixo unha campaña de forte oposición á mesma, que levou á apertara de expedientes en varios países para analizar como podería afectar a adquisición á competencia.
Pouco a pouco os reguladores foron dando luz verde á operación, e cando a pelota chegou á Comisión Europea, Microsoft aproveitou para concretar acordos con Nintendo e nVIDIA, nos que deixaban claro o compromiso de Microsoft para non aproveitar a compra para pechar as grandes franquías de Activision Blizzard a usuarios de Xbox (algo que economicamente non tería moito sentido, xa que as consolas Xbox son claramente minoritarias, e reducir o público dos xogos impediría recuperar os elevados investimentos que hai que realizar para o seu desenvolvemento). Precisamente a postura de Nintendo e nVIDIA tería xogado un rol determinante para que a Comisión Europea vaia dar luz verde á operación o vindeiro 25 de abril, sen impor grandes restricións para a compra.
Pero o conflito instigado por Sony vén de dar un xiro bastante curioso, xa que nos EE.UU. a FTC decidiu emprender accións contra a operación de compra, cunha argumentación bastante feble, na que parecía pór na súa boca directamente as palabras de Sony, ao que Microsoft respondeu negando as acusacións, e incluso dando a entender que é a propia Sony a que está a realizar prácticas que atentan á competencia, pechando numerosos acordos de exclusividade con grandes editoras para que os seus títulos non se publiquen para Xbox (ou que non poidan ofrecerse no Game Pass). Sorprendentemente a FTC decidiu que había que clarexar esta situación, e decretou que Sony ten que facilitar a Microsoft a información sobre os acordos de exclusividade que pechou con outras compañías dende 2019, aínda que a FTC recoñeceu o dereito de Sony a que estes documentos non saian á luz pública, pero si permitirán que Microsoft aproveite a información non só na súa defensa, senón incluso para as súas estratexias de alianzas a longo prazo.
En calquera caso, a impresión que podemos ter actualmente é que as pezas comezan a moverse no taboleiro favorecendo a Microsoft, polo que parece bastante probable que o vindeiro verán poida concretarse a operación de compra de Activision Blizzard.

PUBLICIDADE