A carpa InnovaTe recibe os primeiros visitantes

xoves, 28 de xaneiro do 2010 Raquel Noya

Dende hoxe e ata o vindeiro sábado, día 30 de xaneiro, a carpa InnovaTe de Telefónica, da que tanto temos falado ao longo desta semana en Código Cero, vai estar instalada en Vigo para mostrarlle ás persoas asistentes os últimos avances tecnolóxicos da compañía en materia de accesibilidade, entretemento e multimedia, nun marco único que destaca pola súa orixinalidade e polo seu deseño vangardista.
O espazo, que estará aberto ao público das 10:00 ás 19:30 horas, foi inaugurado hoxe polo portavoz municipal do PSdeG – PSOE en Vigo, Carlos López Font, que acudía en substitución do alcalde da cidade, acompañado polo director territorial de Telefónica en Galicia e Asturias, Ignacio Aller.
Vigo foi a cidade escollida para iniciar o periplo de InnovaTe por toda España, e a partir da vindeira semana levará por todo o país os últimos avances en televisión 3D, realidade aumentada e códigos BIDIs, así como varias aplicacións revolucionarias en materia de saúde e rehabilitación como o control biométrico remoto de doentes.
Ignacio Aller mostrou a importancia desta mostra afirmando que Innovate “é un exemplo claro da aposta da compañía pola investigación e o desenvolvemento, o que a convirte na empresa que maiores recursos destina anualmente a este concepto en España (668 millóns de euros en 2008) e que se destinan fundamentalmente a mellorar a calidade de vida das persoas”.
De entre os servizos relacionados coa accesibilidade e a responsabilidade social, InnovaTe mostra en Vigo Rehabitic, unha plataforma interactiva que permite desenvolver de forma remota terapias de rehabilitación de lesións de xeonllo; A miña Familia, o máis completo servizo de teleasistencia no que o móbil é a ferramenta principal; e Posto Adaptado, servizo que facilita o acceso das persoas con minusvalidez ás TIC e á Sociedade da Información e da Comunicación.
Na área do entretemento e multimedia móstrase a revolucionaria televisión en 3D desenvolvida para a plataforma Imagenio, onde a través de nove membranas no plasma ou o LCD lógrase unha visión estereoscópica sen necesidade de dispositivos externos. Este avance, como todos os que se mostran en Innovate, aínda non se comercializa, polo que a carpa se converte nunha fiestra cara ao futuro da tecnoloxía.
Dentro da área da publicidade e mercadotecnia poderase coñecer a Realidade Aumentada, poderosa ferramenta comercial e de difusión que xunta na mesma imaxe obxectos reais e obxectos virtuais. Neste mesmo contexto, InnovaTe fará demostracións aos vigueses sobre a utilidade dos Códigos BIDI, versión mellorada dos códigos de barra cuxa información pode ser lida coa cámara de fotos dos teléfonos móbiles; ou da súa Mesa Surface, un ámbito empresarial a través de interfaces naturais que proporciona importantes aplicacións para o sector empresarial, para o retail, para a educación e o entretemento ou para a mercadotecnia interactiva.

PUBLICIDADE