A cámara estabilizada máis pequena do mundo renóvase

martes, 9 de marzo do 2021 Marcus Fernández

Hai un par de anos chegou ao mercado a Insta360 GO como a cámara estabilizada máis pequena do mundo, e esta pequena marabilla tecnolóxica ten por fin sucesora, a Insta360 GO 2, que sae á venda por 319,99 euros incluíndo un estoxo de carga (probablemente a súa novidade máis destacada, xa que consegue unha autonomía de até 2,5 horas, mentres que o modelo anterior quedaba en 60 minutos), un colgante magnético, un soporte e clip para poder prender o trebello.
Esta pequena cámara de só 27 gramos de peso pode colocarse en case calquera lugar para gravar vídeo en mans libres, o que supón unha alternativa moi discreta a outras cámaras de acción, contando tamén con prestacións como resistencia á auga (IPX8), e que ten como punto forte a súa estabilización de imaxe, que é un dos aspectos nos que destacan os produtos de Insta360.
Pese ao seu reducido tamaño, a Insta360 GO 2 conta cun sensor de 1/2,3 polgadas capaz de gravar vídeo a 1.440p, podendo logo previsualizar as gravacións a través dunha aplicación móbil, sendo posible incluso comezar a editar as gravacións a través de Wi-Fi sen ter que agardar a que se transmitan completamente ao noso teléfono sen precisar de cables.
A cámara conta con efectos de cámara lenta, hiperlapse e HDR; os seus contidos poden adaptarse a distintos formatos (vertical, horizontal ou cadrado) en función da plataforma na que queiramos publicalos; e a aplicación FlashCut 2.0 permite editar rapidamente (valéndose da intelixencia artificial) vídeos atractivos. Un interesante produto para os que queren gravar vídeo en situacións moi diversas sen ter que prestar especial atención á cámara e así gozar das experiencias en vivo.

Vídeo promocional da Insta360 GO 2

PUBLICIDADE